Medio millar de palilleiras fan de Meaño o epicentro da arte dos bolillos

O Encontro das Palilleiras de Xil conquistou este domingo o pavillón da parroquia ▶ Participantes de toda Galicia e outros puntos de España fixeron unha demostración desta tradicional práctica

A parroquia de Xil, en Meaño, converteuse este domingo nun verdadeiro fervedoiro de actividade tras ser conquistada pola arte do encaixe de bolillos. Máis de 500 palilleiras procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias e Castilla y León déronse cita no pavillón de deportes da parroquia meañesa para facer unha gran demostración desta tradicional práctica.

As portas do pavillón abríronse puntuais ás dez da mañá para dar comezo a unha longa xornada de convivencia e intercambio de coñecementos.

Durante todo o día, participantes de todas as idades deron renda solta a esta práctica. Para algúns xa era coñecida e, para outros, a de este domingo en Meaño foi o seu primeiro contacto coa arte de palillar.

O resultado foron verdadeiras obras de arte que foron expostas e admiradas polos curiosos e curiosas que, ao longo da xornada do domingo, quixéronse achegar ás instalacións deportivas para curiosear a maña das palilleiras.

A demostración artesanal complementouse coa música e o baile dos Danzantes de Cobas pola mañá e, pola tarde, a actuación da Tuna de Santiago. O evento, que este domingo celebrou a súa segunda edición, estivo organizado polo grupo de Palilleiras de Xil e a colaboración do Concello de Meaño, a Asociación de Veciños de Xil e a inmobiliaria Hablamos. O encontro conseguiu situar a Meaño no mapa da arte de facer bolillos e que promete converterse nun habitual da axenda do Salnés.

Comentarios