Medio século de ensino dende o 'feneiro'

Toda unha historia ás súas cousas e un porvir marcado pola "convivencia e a integración". O Ceip Portonovo celebra as súas Vodas de Ouro con diferentes iniciativas que xirarán en torno á construción do edificio e á sociedade dos anos 70 nunha vila cuxa fisionomía mudou a carón dos novos tempos
Traballos de construción do colexio nos actuais terreos na década dos 70. CEDIDA
photo_camera Traballos de construción do colexio nos actuais terreos na década dos 70. CEDIDA

Cando os terreos que hoxe ocupa o Ceip Portonovo aínda eran tan só un feixe de canas sementadas pola area que se espallaba dende a praia, que chegaba a esa altura hai agora medio século, aínda non estaba de todo claro cal sería o futuro emprazamento dun centro educativo que era tan só un proxecto, e que estaba chamado a unificar as tres ou catro escolas unitarias da vila mariñeira. Decidilo non foi fácil. Así o explica o actual director do centro, José Manuel Currás, a partir de vellas lembranzas que perduraron no tempo grazas á memoria popular, e que son fundamentais para escribir a historia dun colexio que o primeiro día do vindeiro mes de marzo celebra nada menos que as súas Vodas de Ouro con Portonovo.

Comezou a construirse, precisamente, o 1 de marzo de 1972 e as obras remataron o 30 de setembro do mesmo ano, a punto para o inicio do curso escolar, non sen grandes disputas por unha ubicación que finalmente acabou por concretarse no actual terreo, que algúns dos veciños coñecían como feneiro, pola acumulación de area da praia. Levouse a cabo dentro do chamado Plan de Urgencia de Galicia, e no proxecto figura como director de construción Ramón Estalella y Manso de Zúñiga, xunto aos arquitectos A. Viloria, D. Pernas e J. Velasco.

Son poucas as fotografías que perduran dunha época coma a dos anos 70, na que o centro chegou a albergar arredor de 800 alumnos e alumnas de Educación Primaria, Sétimo e Oitavo. Entre finais dos anos 80 e principios dos 90 incorporouse Educación Infantil e o centro, que foi esmorecendo no seu número de alumnado, como ocorreu con todos os centros educativos, tamén gañou paulatinamente en experiencia e profesionalidade.

José Currás, director dende hai cinco anos e mestre do centro dende 2008, tomou o relevo de moitos e moitas que lle precederon, e dos que non poide deixar de enxalzalas a elas. As mestras xa xubiladas que, hai varias décadas deixaron a súa pegada na escola e que tiveron que afrontar "a convivencia coas familias nunha sociedade totalmente machista". Precisamente, no marco do aniversario do Ceip Portonovo e para conmemorar o Día Internacional da Muller, tres delas estarán o vindeiro 8 de marzo no centro para contar as súas vivencias no Portonovo daqueles anos, cunha "situación económica e social naqueles tempos, nunha vila que cambiou moito dende o Franquismo".

Dende aquela, o colexio pasou por varios cambios, sobre todo de profesorado, ata a súa estabilización, acadando os 28 actuais mestres e mestras e os 293 alumnos e alumnas cos que conta este curso en Educación Infantil e Primaria. Nos últimos anos, a obra de remodelación das instalacións, que, segundo a dirección, atópase agora cos últimos retoques, xa esencialmente finalizada, foi un dos fitos máis importantes, xa que supuxo dar resposta a unha serie de demandas para transformar o espazo interior a nivel de eficiencia enerxética cun grande cambio sobre todo no edificio de Infantil, coa substitución do tellado, o falso teito, as luminarias, as ventás, o chan e o pintado, ademais de diferentes melloras no resto dos edificios como son as luminarias ou a carpintería.

EN COMUNIDADE. Se por algo se caracteriza a comunidade educativa do Ceip Portonovo é por fomentar un grande sentimento de unidade e sintonía co pobo ao que pertence. É algo que, afirma o director, "abordamos en todas e cada unha das actividades que levamos a cabo, sobre todo nas datas emblemáticas. No Entroido, por exemplo, os nenos e nenas saen a desfilar polo pobo e, aínda que agora non podemos facelo pola pandemia, sempre trouxemos sobremesas típicas para comer en familia, cos pais, nais, mestres e mestras. Tamén no Magosto, antes eramos os profes e os pais e nais quenes nos ocupabamos de asar as castañas, e tamén están os festivais de Nadal e Fin de Curso. Aquí foméntase a convivencia a todas horas, é algo que procuramos facer", explica.

Agora, con motivo do 50 aniversario do centro, todas as actividades estarán enfocadas no sucesivo a facerlle un aceno á historia do centro. "Fixemos un proxecto de centro e o Magosto, Nadal, Entroido e o Día da Muller, e as conmemoracións oficiais que se fagan estarán enfocadas á construción do centro na década dos 70. Incluso temos en mente recrear unha aula deste centro na década dos 70, e a idea, de cara ao verán, sería vir todos vestidos como aqueles anos, como un día de clase no ano 72", explica o director, quen tamén programa un roteiro para coñecer diferentes puntos emblemáticos do municipio, así como o emprazamento das antigas unitarias. Con respecto ao futuro, afirma, pasa por "fomentar a convivencia e integración das familias, nun colexio aberto e flexible".

Comentarios