viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Medio século e un reencontro coa ría

A celebración terá lugar o vindeiro sábado ás 12.00 horas, con representación institucional e asociativa. DP
A celebración terá lugar o vindeiro sábado ás 12.00 horas, con representación institucional e asociativa. DP
Botadura de Praia da Panadeira ▶ Tras varios anos no almacén, unha subvención fixo posible a restauración dun dos catro exemplares de dorna de media construción que quedan no mundo. Esta singular embarcación, custodiada por Amigos da Dorna de Portonovo, celebrará a súa volta ao mar o vindeiro día 21.

Praia da panadeira é toda unha rara avis. Un deses elementos do patrimonio que pasan desapercibidos, ata que un día saen do escondite. Con medio século de historia, é unha das catro ou cinco dornas de "media construción" que quedan no mundo, das máis antigas que se conservan, e a segunda na Ría de Pontevedra, xunto a un exemplar que se atopa en Aguete (Marín). Varios anos no almacén e un estado de deterioro moi avanzado non imposibilitaron a súa recuperación por parte da asociación Amigos da Dorna de Portonovo, que actualmente conta con sete exemplares de dornas, 10 coa suma das embarcacións particulares dos socios, e que logrou tal fazaña grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra.

'Praia da Panadeira'. DP
'Praia da Panadeira'. DP

Praia da Panadeira, que recibe o nome do coñecido areal sanxenxino no que o seu último dono tiña unha casa, chegou ás mans do colectivo mediante unha doazón feita por este mesmo particular. A embarcación, que data de entre 1972 e 1973, "pasou por moitas mans antes de chegar a chamarse Praia da Panadeira". Así o explica o vicepresidente da asociación, Alejandro Piñeiro, quen acredita que o seu anterior nome era Isabeliña, "algo típico dunha embarcación que vén de Rianxo ou de Ribeira", explica. "Foi o último dono quen lle mudou o nome en 2010 e, na honra da praia que temos aquí e sendo fieis á última nomenclatura, decidimos manterllo", conta.

A botadura da embarcación celebrarase o vindeiro sábado 21 de maio a partir das 12.00 horas e terá unha connotación do máis especial

O pasado mes de marzo a asociación anunciaba o remate dos traballos, que se realizaron nun estaleiro do Grove, dado o grave estado de deterioro da dorna, e que agora se completan coa botadura da embarcación, que se celebrará o vindeiro sábado 21 de maio a partir das 12.00 horas, e que terá unha connotación do máis especial. "As posibilidades de atopar unha dorna así son moi baixas. Non é que se conserven poucas, é que nunca houbo moitas", salientou Piñeiro. Por este motivo, dada a singularidade da embarcación, e tendo en conta o difícil contexto derivado da pandemia que, coma os demais colectivos, vén de atravesar a asociación que a devolveu á vida, a botadura de Praia da Panadeira será "unha festa onde reencontrarnos e poder falar". Neste sentido, Amigos da Dorna agarda contar con representación institucional e asociativa, con membros de entidades adicadas ás embarcacions, ademais de facer un chamamento á asistencia a toda a veciñanza, que poderá gozar dun petisco durante o evento. Neste sentido, durante a súa primeira navegación, a dorna restaurada partirá dende Portonovo para surcar a ría, precisamente, ata a praia da Panadeira que lle dá nome.

Por que é especial?

As embarcacións tradicionais galegas máis habituais son as dornas en tingladillo. É dicir, as cinco táboas que forman parte do casco están colocadas en posición de escaleira, e van sobrepostas. Por outra banda, existe outro xeito de construción, denominado como tope, no que a parte do casco fórmana máis de cinco táboas dispostas a presión, unhas contra outras. No caso de Praia da Panadeira, combina estas dúas modalidades, coa primeira táboa disposta en tingladillo, e as restantes en tope.

Pantalán

Aínda que a dorna regresará ao mar o vindeiro sábado, a asociación continúa a ter "un problema de espazo", dada a falta dun pantalán asignado para as embarcacións tradicionais, "ata o extremo de que de aquí ao sábado temos que preparar o fondeo, polo que o barco quedará no mar entre o porto e a praia". Neste sentido, a entidade continúa a solicitar ás administracións que se leven a cabo medidas para facilitar un lugar de amarre fixo.

Medio século e un reencontro coa ría
Comentarios