O Mercado de Sanxenxo encoméndase á "creatividade" para rexuvenecer

O Concello asinou un convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia para convocar un concurso que reformule o espazo cun parking, unha pranta multiusos e a praza de abastos
Telmo Martín e Anselmo Villanueva, este venres durante a sinatura. DAVID FREIRE
photo_camera Telmo Martín e Anselmo Villanueva, este venres durante a sinatura. DAVID FREIRE

"Unha fusión entre arquitectura e gastronomía" é a definición que fixo este venres o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sobre o futuro Mercado de Sanxenxo, que cambiará totalmente a súa apariencia e funcionalidade no sucesivo. Para levar a cabo o proxecto, o Concello asinou este venres un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), mediante o cal convocará un concurso de ideas de xeito inmediato para levar a cabo a reformulación do espazo. 

No concurso valoraranse todo tipo de proxectos para o Mercado, que só teñen que cumplir tres condicións: que o espazo integre un aparcamento público, para o que se estudará a rúa Constitución e a rúa Madrid, segundo explicou o alcalde; un centro multiusos e o mercado de abastos, para productos do mar e da horta. Deste xeito, o actual Mercado manterá a súa ubicación, pero lucirá unha apariencia e unha funcionalidade totalmente diferentes. Ou iso é o que agardan ambas entidades impulsoras do concurso, que apelan á "creatividade" dos proxectos que se presenten para conseguir dinamizar o Mercado e a súa contorna de xeito gastronómico e arquitectónico. Telmo Martín sinalou que isto "revitalizará toda a zona que vai dende a rúa Cesteiros ata a rotonda da Florida, e dende a rúa Progreso ata a Avenida de Madrid, un entorno no que hai moito comercio". "Non temos ningunha dúbida de que despois de levar a cabo este concurso e de que o proxecto esté realizado, vai a ser un antes e un despois para o lugar e para a zona", sinalou o alcalde, quen non dubidou en salientar a pranta de abastos, na que se "poderán degustar produtos do mar e da horta" como un compoñente "moi importante para a nosa gastronomía, sobre todo para os meses coa letra ‘R’, nos que temos unha grande deficiencia". 

O Concello estima que o proxecto gañador, que se valorará cun premio de 20.000 euros, coñecerase antes do verán

O presidente da Delegación de COAG en Pontevedra, Anselmo Villanueva, foi o encargado de firmar o convenio. Pola súa parte, Villanueva louvou o compoñente económico para o gañador do concurso, que recibirá 20.000 euros, como un aliciente que "vai facer que un importante estudo de prestixio de Barcelona se plantexe presentar o seu proxecto". Tamén quixo resaltar o "valor patrimonial e artístico contemporáneo" que aportará o futuro Mercado "a Sanxenxo, á comarca e a Galicia". "Unha boa arquitectura vai facer que a xente se mova a Sanxenxo para coñecelo e isto, se cabe, porá máis no mapa ao lugar". 

A partir da apertura da convocatoria, o prazo para presentar proxectos será de 45 días, e o Concello estima que antes do verán o concurso estará fallado, dando a coñecer o proxecto gañador.

Comentarios