Mil ovos fritidos para que Tenorio celebre a súa festa gastronómica

A parroquia de Cercedo-Cotobade acolle por quinto ano consecutivo o evento promovido polo grupo Foula
A Festa do Pan de Millo e Ovo, o ano pasado. DP
photo_camera A Festa do Pan de Millo e Ovo, o ano pasado. DP

A parroquia de Tenorio vai celebrar este sábado a V Festa do Pan de Millo e Ovo, que contará cunha lectura de pregón-espectáculo de Migallas Teatro e cun total de dez actuacións musicais, así como actividades para todos os públicos. A cita gastronómica foi creada pola Asociación Cultural Foula e conta co apoio do Concello de Cerdedo-Cotobade. 

O certame arrancará no Campo da Festa de Tenorio ás 13.00 horas coa actuación da charanga Chaneiros de Marín, que darán paso ao pregón ás 14.00 horas e, posteriormente, á sesión vermú cos Pandereteiras do Val de Quireza. 

Tras esta animación musical comezará a cita gastronómica, na que se servirán uns 1.000 ovos con pan de millo, cos que se comporán unhas 500 racións que se venderán a un prezo de 3 euros o par. 

Como vén sendo habitual, no recinto festivo tamén haberá máis produtos, como churrasco, empanadiñas de pan de millo e callos, entre outros, a prezos populares. A organización servirá o prato estrela durante todo o día ata esgotar existencias. 

Xa pola tarde, ás 17.00 horas volverá a música coa banda infantil da Unión Musical de Tenorio e coa Banda de Música Unión de Lantaño antes de que ás 18.00 horas se presente o libro O bailegrama e arranque o obradoiro do mestre Serxio Cobos.

O pregón a cargo de Migallas Teatro servirá para a apertura oficial dun evento no que o prato estrela custa 3 euros

ARTESANÍA E MÚSICA. Ademais, durante todo o día haberá feira de artesanía, xogos populares con monitores e inchables. Finalmente, a xornada pecharase coa animación musical de serán, dende as 20.00 horas, con Los Jinetes del Trópico, Fiandola e Metalxis para clausurar a festa gastronómica cunha queimada da man de O Bruxo do Río. 

Cubela amosou o respaldo do Concello, que colabora con este certame gastronómico, e agradeceu "o enorme traballo" dos organizadores para sacar adiante unha festa culinaria de produtos tradicionais "e programar de xeito paralelo un potente programa musical e moitas e variadas actividades para todos os públicos". 

O alcalde destacou o potencial gastronómico do municipio, que neste momento conta con ata oito festas de exaltación de distintos produtos e pratos típicos e indicou que esta será a sexta festa do presente exercicio. 

Quedan pendentes de celebrar aínda a Festa do Caracol de Santa María de Sacos e a Festa do Bolo de San Martiño en Borela, que coincide precisamente co patrón desa parroquia. 

Comentarios