Emprendedor retornado

Moito máis ca simples roteiros

Andrés Rodiño, de Portonovo, puxo en marcha hai meses un negocio de visitas guiadas nas que se ofrecen experiencias alternativas e a posibilidade de coñecer algúns emprazamentos de Galicia menos populares para os veraneantes medios
Rodiño Lis (esquerda), xunto a Antonio Rodríguez, secretario xeral de Emigración. DAVID FREIRE
photo_camera Rodiño Lis (esquerda), xunto a Antonio Rodríguez, secretario xeral de Emigración. DAVID FREIRE

Despois de vivir e formarse en Escocia, Andrés Rodiño voltou a Galicia para impulsar un novidoso proxecto profesional que aspira a consolidarse en pouco tempo. Este mozo de Portonovo leva xa uns meses traballando en Rooteiro, unha iniciativa que busca ofrecer aos turistas (especialmente estranxeiros) experiencias alternativas á hora de poder coñecer a gastronomía, a paisaxe e o patrimonio galego. De momento, o seu esforzo valeulle para que a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia o incluíse no seu Programa de Axudas ao Retornado Emprendedor, que ten o obxectivo de axudar a consolidar actividades profesionais realizadas que sirvan para que "os mozos galegos poidan traer de volta á súa terra todo o talento e o coñecemento adquirido previamente", tal e como sinalou este luns o secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda.

"Penso que é moi importante ofrecer algo distinto e, por sorte, Galicia conta con moitas posibilidades"

Andrés Rodiño comezou a organizar excursións guiadas o pasado mes de xuño. "Os comezos nunca son demasiados sinxelos, pero a cousa non vai mal", explica. Rooteiro é algo máis ca unha empresa organizadora de excursións. O que en realidade se ofrece aos usuarios son experiencias que só se poden acadar en Galicia. Mentras se formaba en Escocia, o mozo sanxenxino deuse conta de que existe unha oferta turística alternativa ao sol, a praia e a gastronomía sen máis. "Estiven vivindo alí durante seis anos (emigrou en 2012). Cada vez que retornaba a casa comprobaba que aquí hai cousas que todavía non se desenvolveron e que temos un potencial enorme", sinala.

As rutas guiadas de Rooteiro van desde os 60 euros e están pensadas para grupos de catro persoas, como mínimo

Aínda que só leva uns meses á fronte deste proxecto, Rodiño Lis xa empeza a facerse un nome a nivel internacional. Tanto é así, que polo de agora só traballa con clientes foráneos. As visitas desenvolvidas durante os meses de verán foron contratadas por persoas dos Estados Unidos, Inglaterra ou Corea do Sur, entre outros países. A Rodiño non se lle escapa a importancia de tratar de fidelizar a usuarios que veñen a Galicia buscando algo máis co veraneante común. "Penso que é moi importante ofrecer algo distinto e, por sorte, Galicia conta con moitas posibilidades", opina.

As rutas guiadas de Rooteiro van desde os 60 euros e están pensadas para grupos de catro persoas, como mínimo. O mozo de Portonovo é o encargado de exercer de chófer, de guía e de responsable de promoción da súa empresa. "É moito traballo, pero isto pásalle a calquera que empeza un novo negocio", sinala. No intre no que os excursionistas suben á súa furgoneta comezan unha aventura na que hai tempo para disfrutar dos aspectos máis enxebres da terra. Unha das premisas de Andrés Rodiño é ofrecer aos seus clientes as caras B de Galicia, emprazamentos que, por diferentes razóns, aínda non son coñecidos por todo o mundo.

Picnic realizado nunha adega galega. CEDIDA
Picnic realizado nunha adega galega. CEDIDA
 

TURISMO SOSTIBLE. Ademais, non faltan os picnics organizados en adegas da contorna ou a práctica de deportes como rafting. "Eu quería impulsar unha actividade baseada no turismo sostible e que fose unha alternativa válida ao que xa existe na actualidade", explica. Por outra banda, o sanxenxino tamén deixa claro que durante o verán "procuro que nos desprazemos fóra das Rías Baixas, porque no verán sempre están demasiado saturadas".

Coñecer as artes de pesca na Ría de Arousa, adentrarse no interior ou desconectar na Illa de Sálvora son algunhas das propostas que sempre teñen en conta o apartado gastronómico ou vinícola. Esta é, precisamente, unhas das vantaxes da oferta, posto que non precisa das altas temperaturas para poder triunfar. Agora que empeza a temporada baixa, Rodiño Lis está convencido de que nos vindeiros meses a actividade pode medrar. Deste xeito, a súa actividade pode axudar a consolidar a tan ansiada desestacionalización que tanto buscan sectores como a hostalería.

A axuda achegada pola Secretaría Xeral de Emigración supón un pulo importante, xa que "este primeiro ano é cando toca facer os maiores investimentos

O labor de Andrés Rodiño non termina cando rematan as excursións. Precisamente, a organización destes roteiros alternativos require dunha investigación previa. O mozo xa lle botou o ollo a outros enclaves para ampliar a oferta. "Estou vendo opcións en Ourense, na Fervenza da Toxa... Co patrimonio cultural, etnográfico e patrimonial que temos a verdade é que as opcións son moitas", recoñece. De momento, a axuda achegada pola Secretaría Xeral de Emigración supón un pulo importante, xa que "este primeiro ano é cando toca facer os maiores investimentos. Só a furgoneta xa costou 20.000 euros", explica.

En todo caso, estas primeiras dificultades probablemente só serán pequenas pedras no camiño dunha iniciativa que aspira a ser un referente en clave turística e ofrecendo sempre unha fórmula de lecer sostible para todos.

5.000 euros por emprendedor, máis aumentos
Tal e como sinala o secretario xeral de Emigración, "o proxecto desenvolvido por Andrés é unha boa mostra non só do que é capaz de facer o talento galego, senón da nosa capacidade para ser embaixadores da nosa terra".

Diferentes achegas
As achegas que ofrece o Progarma de Axudas ao Retornado Emprendedor están dotadas dunha contía de 5.000 euros por persoa, que poden incrementarse en 1.000 máis se se trata dunha muller e noutros 2.000 se o negocio se desenvolve no rural.

Comentarios