O Mundial de colchonetas elixe Sanxenxo para gozar e competir

A competición, que celebra súa XII edición na praia da Panadeira, conta con superar os 300 participantes de edicións pasadas
A cita contou cunha grande afluencia de participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Mundial de Colchonetas
photo_camera Mundial de colchonetas en una edición anterior, en la playa de Panadeira.JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dous anos despois,  o 10 de xullo, sanxenxinos e visitantes poderán gozar, por fin, do Mundial de Colchonetas. Nesta singular proba deportiva valóranse tanto as cualidades físicas coma a orixinalidade na escolla de inchables e disfraces por parte dos participantes. 

A competición, organizada pola Asociación Lúdica e Cultural ‘O Cubreiro’, basearase en tres carreiras divididas en tres categorías aproveitando a marea alta. A partir das 12.30 horas será a quenda dos nenos e nenas menores de 10 anos.

Despois, ás 13.00 horas, competirá a rapazada de 10 a 14 anos e, finalmente, ás 13.30, mediranse os adultos cunha esixente carreira.  

Segundo os organizadores, este horario é crucial para que as quendas coincidan coa marea alta e «as colchonetas non batan contra as pedras», ‘O Cubreiro’ teno todo controlado.

O presidente, Juan Pintos, asegura que, desta vez, o certame supera as expectativas doutros anos trala súa publicación en redes sociais: «Nas primerias tres horas, acadamos 1.050 persoas, e nas primeiras 24, 3.200». Tantos participantes deixarían unha estampa curiosa que xa chegou á portada dos xornais noutras ocasións, e que este ano non pensa quedar atrás.

PREMIOS. Colchoneta, disfrace e rapidez. Como viñan facendo anteriormente desde a organización, haberá premios para os tres clasificados en cada categoría: colchonetas máis orixinais, mellores disfraces e  os tres máis rápidos contrarreloxo. Mais tamén haberá novidades: mellor disfrace de grupo e de parella. 

A cita terá lugar ás 12.30 horas no peirao da Praia da Panadeira, cando se produza a primeira saída. Aínda que todos aqueles que desexen participar terán que acudir unha hora antes para facer a inscrición que, como cada ano, é totalmente gratuíta.