A música de Fredi Leis chega ás Festas de San Roque de Vilagarcía

A multitudinaria celebración, que empezou o xoves, conta coas actuación estrela de Diego El Cigala, Tequila e Milladoiro

O Festiclown, que comezou o día 4, seguirá animando as rúas da localidade. FERNANDO SALGADO
photo_camera O Festiclown, que comezou o día 4, seguirá animando as rúas da localidade. FERNANDO SALGADO

Como tódolos anos, as Festas de San Roque reúnen a milleiros de persoas que se achegan a Vilagarcía para gozar da música, do humor e da xente.

O célebre evento, que se prolongará ata o día 19, comezou o xoves co pregón da presidenta do club vilagarcián de rugby Os Ingleses, Isabel Fernández, quen destacou a importancia da cidade a nivel deportivo, xa que foi "das primeiras de España en xogar ao fútbol, e probablemente tamén ao rugby". Fernández amosouse orgullosa de ser a única muller dirixente dun equipo de rugby, "un dos clubes de Vilagarcía con maior vinculación coas nosas festas e á propia localidade".

A celebración multitudinaria conta cunha ampla programación musical, na que destacan actuacións como a de Tequila, Diego El Cigala ou Milladoiro.

Este venres é a quenda do cantautor galego Fredi Leis, que ofrecerá un concerto no Parque da Xunqueira, ás 23.00 horas. O músico presentará o seu primeiro álbum, Neón, e interpretará os seus temas máis coñecidos.

A nova edición do Festival Internacional de Clown, que conta coa participación de compañías e artistas de primeiro nivel, continuará animando as rúas da cidade ao longo dos días coa presenza de múltiples familias.

O sábado actuará, ás 23.00 horas, o coñecido cantante El Cigala, mentres que o grupo Milladoiro amenizará a noite do domingo

Comentarios