Música e gastronomía van da man no Festival Revenidas

Ezetaerre e Soziedad Alkoholika, entre outros, abriron este venres o evento de Vilaxoán. Este sábado poderán gozar de Cuarta Xusta ou El Drogas e actividades como a tradicional sardiñada popular

Ezetaerre na xornada inaugural do Festival Revenidas. XABICAS (CEDIDA FESTIVAL REVENIDAS)
photo_camera Ezetaerre na xornada inaugural do Festival Revenidas. XABICAS (CEDIDA FESTIVAL REVENIDAS)

O porto mariñeiro de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, acolle desde este venres a décimo quinta edición do Revenidas, tamén coñecido coma o Festival das Linguas. O evento, que se celebrará ata este domingo, é xa unha referencia pola súa aposta pola música feita en galego xunto coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente.

O grupo de hip hop coruñés Ezetaerre foi o encargado de abrir os concertos do #Revenidas18, cuxo cartel se compón dunhas 40 diferentes opcións musicais que combinan estilos como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica.

A Ezetaerre seguiulle onte Joan Garriga & Galactic Mariatxis, Soziedad Alkoholika, The Real McKenzies, Ayax y Prok, Keltoi!, Balkan Bomba e, para cerrar a xornada, María Turme DJ. 

SARDIÑADA E SHOWCOOKINGS. Este sábado a música e a gastronomía ateigarán Vilaxoán dende primeira hora da mañá coa Sardiñada Popular Revenidas. Este é sempre un dos momentos máis agardados do festival, que nesta ocasión estará amenizado por Os Terribles de Arousa, Olodum do Coio, Coro Encaixe e Galifunk Brass Band.

Na xornada deste sábado tamén dá comezo unha das actividades estrela do festival: os concertos a bordo do Chasula pola ría de Arousa

Ao mesmo tempo, e por cuarto ano consecutivo, Mahou volve ser un dos principais patrocinadores do festival Revenidas e complementará a programación do evento con actividades relacionadas coa gastronomía. Desta maneira, a marca desenvolverá varios showcookings de Cociñeiros Mahou, con chefs de primeiro nivel que elaborarán tapas utilizando como materia prima a sardiña para os asistentes con degustación gratuíta. Trátase de Gerson Iglesias e Pablo Domínguez, de Adega das Caldas de Ourense, e o coñecido chef vigués Alberto González.

Na xornada deste sábado tamén dá comezo unha das actividades estrela do festival: os concertos a bordo do Chasula pola ría de Arousa. As persoas asistentes á actividade poderán vivir unha experiencia marítima única en familia nesta embarcación tradicional na que gozarán de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. A música nesta travesía de sábado correrá a cargo de artistas como Voodoo, Roberto Sobrado e Arremecaghona Monobanda.

O domingo será o turno de Xurxo Souto, Ugía Pedreira + Marina Oural e Marcelo Dobode. Ademais, hoxe, ás 18.00 horas, terá lugar no Espazo Deleite a Gala Solidaria do Revenidas, que leva anos sendo a referencia familiar do festival e congregando a máis de mil espectadores arredor das artes escénicas, o humor e o circo no Parque de Dona Concha. Para este 2018, o festival preparou unha gran gala a favor de Pallas@s en Rebeldía: a Gala das Liberdades, na que participarán Isabel Risco, Peter Punk, Vol etemps, Piscore ou Galifunk Brass Band.

E xa nos concertos da noite, este sábado é a quenda de Enrique Villarreal, máis coñecido co nome artístico de El Drogas, músico que estivo durante case 30 anos en Barricada como cantante e baixista, tarefa que compaxinou con Txarrena e La venganza de la abuela; Tremenda Jauría, unha banda madrileña que fai seus ritmos como a cumbia, reggaetón, merengue e moombahtón; Steve’n’Seagulls, unha agrupación finlandesa á que lle gusta facer versións en bluegrass de bandas de metal e hard rock de ampla traxectoria, pero disfrazados de granxeiros; Cuarta Xusta, un grupo de rock de Melide que naceu en 2016; NH3, unha formación italiana que chega ao Revenidas lista para presentar o álbum ‘Hate and hope’; Glaukoma, o nome do proxecto músical de cinco mozos procedentes de distintos pobos de Gipuzkoa, e, por último o DJ coruñés Isaac Peces.

O domingo pecharán o festival Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, el Diluvi, Auxili e The Dawlins.

Comentarios