Música, maxia, diversión e solidariedade na Gala Solidario de Circo do Revenidas

A cita celebrarase o domingo 10 de setembro a partir das 17.30 horas e a entrada é de balde
Público durante o Festival de Revenidas na edición pasada. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA
photo_camera Público durante o Festival de Revenidas na edición pasada. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA

Vilaxoán volve estar de celebración un ano máis co festival Revenidas no que terá lugar a Gala Solidaria de Circo. A deste ano celebrarase o domingo 10 de setembro a partir das 17.30 horas, xusto despois da tradicional sardiñada popular. E, coma sempre, a entrada é de balde.

Espectáculos de maxia, clown, música ou circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega e catalá dos espectáculos de rúa farán da celebración algo inesquecible. É o caso, por exemplo, de Peter Punk. Todo un clásico desta gala ata o punto de que no 2022 celebrou nela os seus 20 anos en escena. Nesta ocasión retornará a Vilaxoán para presentar un renovado espectáculo para todos os públicos cun humor traste, fresco e irreverente.

Tamén estará na gala o Mago Paco, especializado en maxia infantil. Os seus espectáculos caracterízanse por unha mestura de varias artes escénicas coa maxia, suma que lle achega dinamismo e fantasía encima do escenario. Polo seu lado, dende Cataluña chegará Nono, un clown con máis de 15 anos de traxectoria, que presentará un espectáculo de malabares e manipulación que fará viaxar ao público polo seu mundo de fantasía. 

Outras das presenzas destacadas da Gala é a de Asacocirco. A compañía que fundaron e dirixen Miriam Crespo e João Alvim transformará o recinto do Revenidas nunha pista de circo, onde a risa, o risco, a diversión e a espectacularidade están garantidas. O circo, o humor e a maxia mestúranse tamén na proposta que presentará Simplemente Enrico, co seu espectáculo Heinrich, aprendiz de mago, no que relata as aventuras e desventuras deste ilusionista.

Uxía Lambona farase cargo da parte musical da Gala. É especialista en recoller os clásicos da música popular galegas e darlles o seu toque particular, tinguíndoos de ska, reggae, klezmer ou rock. Desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais e algún que outro propio. O conxunto conforma un espectáculo moi dinámico, no que non só os nenos, senón todo tipo de públicos acaban sendo do seu “des-concerto”.

Comentarios