A música volve á emblemática Rúa dos Viños de Portonovo

A rúa recupera a súa famosa programación, que se alongará durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, cunha vintena de grupos e artistas que dinamizarán a actividade veciñal e turística
Ambiente na rúa a pasada fin de semana. DP
photo_camera Ambiente na rúa a pasada fin de semana. DP

Música na Rúa non é unha programación calquera. Durante anos serviu para dinamizar o entorno da emblemática Rúa dos Viños de Portonovo, que concentra o groso dos locais de hostelería da zona, e foi coma un soplo de aire fresco para a veciñanza do lugar nas fins de semana. E, de paso, contribuiu a atraer ao turismo. As sesións vermú fixéronse famosas co paso do tempo, e chegaron a ser coñecidas en todo o municipio, e incluso nos concellos limítrofes: era sábado ou domingo e había que ir tomar o vermú á Rúa dos Viños. Pero chegou a pandemia e, con ela, desapareceu o bulir e a ledicia na zona nesas horas da mañá.

Dous anos despois, a famosa actividade volve poñerse en andamento grazas ao tesón da Asociación da Rúa dos Viños, que deseñou unha programación que abarca todo o mes de xuño, xullo e agosto. Precisamente, tal e como sinalou dende o colectivo Noemí Pensado, "a idea dos sábados e domingos ten como obxectivo que a xente do pobo que traballa toda a semana poida gozar da música cando chega a fin de semana" e, por iso, os membros da asociación "estamos moi contentos de volver organizar isto e dar ambiente e ledicia á rúa. As sesións vermú gústanlle moito á xente, e sobre todo agora de cara ao verán", explicou Pensado.

Actuación de La Banda del Este. DS
Actuación de La Banda del Este. DP

As primeiras xornadas da programación tiveron lugar a pasada fin de semana, cun notable éxito entre o público, que puido gozar das actuacións de La Banda del Este o sábado e de Dani Barreiro o domingo. No sucesivo, tal e como explicaron dende Rúa dos Viños, o que queda do mes de xuño haberá sesións vermú os sábados e os domingos de 13.00 a 15.00 horas, e a partir de xullo e agosto dobrarase a oferta: as sesións vermú celebraranse sábados e domingos á mesma hora, e a oferta complementarase cunha sesión luscofusco os martes e mércores de 21.00 a 23.00 horas, mentras que no mes de setembro quedará só a sesión vermú.

ARTISTAS. A Asociación Rúa dos Viños xa ten configurado o programa para os vindeiros meses, que será tan variada como extensa. Desde xeito, actuarán arredor dunha vintena de grupos e artistas, que se irán desvelando cada semana en función do día asignado: Soylmacklein, Sobre Todo Ella, Lorre, Adrián Torres, Algo pasa con Mery, Terapia de Grupo, La mosca Valiente, Frida Foxes, Los Tonikash, Raúl & cía, Roger de Flor y los Silvestres, Generación Perdida, Rómulo y Remo, Chroma, Mary Prado y José Vicente, Mad Martin Trío e The Cats Slaps.

Tal e como destacaron dende o colectivo, que espera recuperar unha programación que, no pasado foi tan exitosa, "a xente ten ganas de volver á normalidade, tal e como quedou demostrado pola asistencia da pasada fin de semana", explicou Pensado, que tamén sinalou que Música na Rúa conta cunha clientela fiel á programación, pero tamén é un aliciente para a dinamización do turismo na vila mariñeira.

Comentarios