Nai e filla, compañeiras de pupitre

A paixón pola mecánica é innata en Carmen algo que "sempre estivo aí". En Yanira foi medrando conforme cumpría anos. Agora, nai e filla comparte aula no ciclo medio de Automoción e proxectan os seus soños collidas da man
Carmen e Yanira nos talleres do IES Vilalonga, onde desenvolveron proxectos como coches, un kart ou 'Furgolonga'. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmen e Yanira nos talleres do IES Vilalonga, onde desenvolveron proxectos como coches, un kart ou "Furgolonga".

TIVERON QUE PASAR varios anos para que Carmen González se decidira a inscribirse no ciclo medio de Automoción. Dúas fillas pequenas, un divorcio recente e a necesidade de multiplicarse para poder chegar a todos os quefaceres diarios, xunto cun traballo no sector do cátering, deixaron en pausa unha paixón que "sempre estivo aí". Para ela, a vida non perdoaba: "non podía traballar e estudar á vez", di.

Yanira Ubeira González cumpriu 18 anos no mes de maio. Tras rematar o ciclo básico de Perruquería, buscaba algo que a enchese de veras. Unha profesión que a fixera feliz. Tanto ela coma a súa irmá pequena xa medraran o suficiente como para permitir que a súa nai se puidera compaxinar nos coidados coa familia e a parella. Foi entón cando Carmen decidiu dar o paso. "Pois eu vou contigo, mamá", díxolle Yanira. Foi entón cando comezou a peregrinaxe polos centros de formación. "Primeiro pedimos praza na Xunqueira, pero había unha lista de agarda inmensa, e cando liberaron prazas percorremos Vigo, Vilagarcía, todos os lugares, ata que de casualidade atopamos Vilalonga, que case nin sabiamos chegar. Foi unha aventura", relata Carmen.

É no IES de Vilalonga onde agora comparten pupitre. "Iamos cambiarnos á Xunqueira para o ano, por proximidade, porque imos dende Marín, pero xa non o imos facer nin de broma", aclaran. A boa acollida entre os compañeiros, que agora son "coma unha familia", fixo que a integración fose moi doada. "O primeiro día que Álvaro, o mestre, nos deu unha autorización, para que nola asinaran na casa, e eu levantei a man para dicir que lle deixaba asinada xa a de Yanira, quedou alucinado", lembra Carmen, entre risas. "Ao principio aos compañeiros chocáballes vernos ás dúas xuntas no instituto, pero agora somos unha piña. Varios deles son os meus meniños consentidos", engade, con eterna dozura.

Na clase, teñen entre 18 e 22 anos. "Menos miña nai, claro, que é de 40", explica Yanira, con absoluta normalidade. "Eu estaba acostumada a tela só na casa, ao principio facíaseme raro, é como unha compañeira máis", asegura. Todo este tempo de calidade válelles a nai e filla para afianzar uns lazos xa de por si moi estreitos. "Compartimos resumos e apuntamentos, tamén cos compañeiros. Eu adícolle moitas horas a estudar, quen mo ía dicir, porque levaba 20 anos sen facelo", asegura Carmen que, xa destaca coma unha alumna avantaxada da clase: "As miñas calificacións son de 8 e 9, e aos meus 40 anos non mo creo". A Yanira, que tamén está sacando ben o curso, non lle disgusta a idea de ter un proxecto en común coa súa nai. "Ela quere ir para ITV ou a un taller, e vai facer o ciclo superior. Eu quero o medio de Chapa e Pintura e logo o superior. Podería ser o dun negocio xuntas. O dono do taller ao que levamos o coche xubílase e sempre nos di que quedemos con el", conta. "Nunca se sabe!".

O impulso de Carmen alenta tamén na filla, e en moitas outras mulleres. "Quen pense que isto é imposible sendo muller, que saiba que non é así. Homes e mulleres, todos podemos aprender por igual, animo a todas a que o intenten, e aos xóvenes a que aproveiten o tempo aquí. Tanto homes, como mulleres ou nais, sempre estamos a tempo", afirma.

Comentarios