Carabuxeira e Lavapanos poderán lucir perfil esta tempada cunha nova achega de area de 5.000 metros cúbicos, cuxos traballos comezarán este mesmo luns pola mañá, e que servirán para paliar o árido que, dende a última achega de 10.000 metros cúbicos, xa perdeu a praia debido ao arrastre das mareas, derivado da problemática da construción do espigón do porto deportivo.
A empresa municipal Nauta Sanxenxo recibiu durante a mañá de este venres o último permiso pendente para poder acometer as achegas de árido solicitados, a través dun operativo que levará a cabo a empresa Marcor Xove, e que se alongará ata o venres.
Os prazos para acometer os traballos están estratexicamente marcados en función da idoneidade das mareas, e estarán sufragados pola empresa municipal Nauta, cun custo de 50.000 euros. Neste sentido, o 'modus operandi' consistirán en recolocar a area xa existente que se atopa nos frontais de ambas praias.
O comezo dos traballos de rexeneración e mantemento en ambos areais está precedido polo permiso de Costas, así como dos informes favorables da Autoridade Portuaria de Marín, Capitanía Marítima, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Pola súa banda, o alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial e Infraestruturas, María Deza, visitaron durante a mañá de este venres ambas praias cos operarios da empresa que acometerá os traballos de mantemento.
Dita entidade, Marcor Xove, é a mesma que xa se encargou do dragado e colocación dos diques xeotextís o pasado ano, no marco dos traballos de rexeneración de A Carabuxeira, á que se achegaron os 10.000 metros cúbicos de árido. Cabe sinalar que, nesta ocasión, os traballos beneficiarán a ambas praias, Carabuxeira e Lavapanos, que limitan entre sí, e que están afectadas polo mesmo problema de perda de area.
Cronoloxía. A actuación que se levará a cabo a partir do luns comezará pola praia da Carabuxeira, e desenvolverase neste emprazamento o luns e o martes, e continuará en Lavapanos o mércores, xoves e venres.
Os traballos realizaranse mediante dúas retroexcavadoras de 18 e 8 toneladas e catro dumpers, aproveitando a marea baixa. Neste sentido, durante o tempo que duren as tarefas de rexeneración e mantemento en cada praia non se permitirá o acceso ás mesmas por motivos de seguridade.
Fase final. Mentres se levan a cabo estes traballos, que contribúen a manter temporalmente os perfís das praias, ata que as mareas volven desprazar o árido, continúa en tramitación a fase final do proxecto de rexeneración definitivo da Carabuxeira e Lavapanos, que contempla a construción dun espigón de rampa en sentido perpendicular ao litoral, e que se executará unindo as rochas existentes, con case 100 metros de longo por 2,34 de ancho. O futuro espigón constitúe, hoxe en día, a solución definitiva para evitar a perda de area que a instalación dos tubos xeotextís non conseguiu erradicar, se ben estaban contemplados, xa dende o primeiro momento como unha solución provisional.