Tras anunciar en decembro que non sería candidato, o aínda líder do BNG analiza estes anos.
Que perspectiva ten da inminente campaña electoral, agora que ve os touros desde a barreira?
Penso que non vai haber excesivas sorpresas. En Sanxenxo creo que está todo bastante tranquilo. A dúbida é saber como afectará a proximidade das eleccións xerais coas municipais. Podería producirse un colapso, por así dicilo. Existe o risco de que os cidadáns acaben saturados e as mensaxes non calen.
A súa despedida era un segredo a voces. Como reaccionou o partido?
Non é unha saída traumática, nin moito menos. O BNG é unha agrupación cohesionada e falamos constantemente. A miña decisión víñase vir desde hai tempo, isto é pura normalidade. Non se van producir desaxustes. Cando un leva 16 anos na Corporación xa dispuxo de tempo máis ca suficiente para facer cousas. A estas alturas un cambio así era necesario.
Mantería a súa decisión de deixar a primeira liña política se o tripartito tivese completado todo o mandato?
Chegados a este punto eu non lle vexo sentido a pararse a pensar no que puido ser e non foi. O BNG toma decisións e nós apostamos por unha fórmula que, ao final, acabou como acabou. Sempre traballamos en favor da xente. A nosa etapa no Goberno local foron dous anos nos que sempre tivemos as ideas moi claras. Ademais, podo dicir que as concellerías que mellor estiveron dirixidas foron as que xestionou a miña compañeira Sandra Fernández (Cultura, Educación e Servizos Sociais).
O que é indudable é que nestes 16 anos tocoulle asumir distintas responsabilidades. Desde líder da oposición ata tenente de alcalde, pasando por concelleiro de Facenda. Faltoulle exercer de rexedor.
(Sorrí). É certo, pero eu non teño un perfil demasiado personalista. Hai candidaturas que se presentan e se definen en base a uns intereses e toman decisións en función da súa situación persoal. Eu sempre asumín o rol que me correspondeu. É certo que houbo un desgaste persoal, pero non me sinto frustrado, nin moito menos.
Cales foron os mellores e os peores momentos que lle tocou vivir en política?
Houbo de todo. Hai que ter en conta que a política municipal que existía en 2003 non ten nada que ver coa actual e non todo o mundo ten a capacidade de adaptarse. Aquí en Sanxenxo temos políticos que se senten imprescindibles, pero creo que a política debe ser osixenada de cando en vez. O que podo dicir é que este é un Concello apaixonante no que a xestión se refire. Lévome unha grande aprendizaxe.
Deulle moitas voltas ao que sucedeu en maio de 2017 (cando SAL rompeu o tripartito e cedeu a Alcaldía a Telmo Martín)?
Non me gusta perder o tempo lamentándome do que aconteceu no pasado. O que si podo dicir é que os autobuses e as prazas de aparcamento de Luis Rocafort non tiveron nada que ver no que sucedeu (risas). É probable que nunca se saiban os verdadeiros motivos. No BNG temos claro que fixemos un bo labor e non nos avergoñamos. O que pensen ou sintan outros xa é cousa deles.
Non lle sorprende que Gonzalo Pita se volva presentar?
Igual hai quen precisa xustificar os seus actos. Nós somos máis prácticos. O BNG ten a mellor candidata posible. Sandra demostrou ser unha persoa altamente capacitada. Non é nada doado levar a xestión de tres concellerías que noutros mandatos estaban totalmente separadas.
Antes falaba da experiencia apaixonante que foi formar parte do Goberno municipal.
Sanxenxo é un concello de referencia e iso esixe unha adicación que provoca un desgaste persoal evidente. Pero para min foi unha experiencia moi boa. Esta Administración local é moi dinámica e penso que pode funcionar con éxito aplicando políticas novas e traballando con coherencia.
Que BNG se atopou en 2003, na súa estrea na Corporación, e en que situación o deixa?
Cando chegamos a situación era moi precaria. Daquela, a agrupación non tiña demasiada forza. Síntome moi orgulloso do traballo que fixemos durante a campaña electoral dese ano, que nos serviu para chegar a contar ata con cinco concelleiros na Corporación. A partir de aí, pasamos por etapas difíciles, nas que houbo rupturas internas. Aínda así, logramos aguantar o tipo. Teño moi claro que, sen o BNG, o Partido Popular camparía aínda máis ás súas anchas en Sanxenxo.
A partir de 2009 tocaba amosar que no BNG local había vida máis alá de Roberto Fernández Lores.
Vida sempre hai. Ninguén é imprescindible. Houbo épocas moi boas, nas que cumprimos cos obxectivos electorias que nos marcamos. Pero en 2008 entramos nun momento difícil, marcado tamén pola crise política que vivimos a nivel autonómico. O bipartito da Xunta non puido repetir triunfo e o escenario cambiou por completo. Vivimos anos nos que o BNG tiña moito peso en clave numérica. Eu agora estou satisfeito, porque as bases do partido son máis sólidas ca nunca.
Vaise sen rancor?
Respecto sempre ten que haber. Isto non é unha disputa sen cuartel. Eu o rancor non o practico na miña vida, aínda que tamén lle digo que a crenza de que os políticos, despois de dicirnos de todo, imos comer xuntos é unha lenda urbana.
Calquera ten dereito a presentarse e iso eu respéctoo ao máximo, pero sería bo que as persoas que dan ese paso teñan os coñecementos necesarios para saber a que se enfrontan. Isto non é ‘chegar e encher’. Dispoñer dun mínimo de cultura política é indispensable. Afortunadamente, o BNG ten claro cara onde vai e conta cunha candidata ideal.
De quen aprendeu máis na Corporación?
Desde a discrepancia tamén se pode aprender. De feito, aínda o fago na actualidade. O máis importante é non perderlle o respecto aos veciños. Coincidín con moitos compañeiros na Corporación, tanto do mesmo partido coma doutras agrupacións. De aí saen relacións directas nas que a amabilidade perdura.