Tres novos médicos de familia para os centros de saúde de Vilagarcía, O Grove e Cambados

Súmanse aos primeiros 18 facultativos especialistas en Atención Primaria que se incorporaron en outubro á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía. GOOGLE MAPS
photo_camera Centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía. GOOGLE MAPS

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se nomea persoal estatutario fixo e adxudícase destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á categoría de facultativo especialista de atención primaria.

As prazas que se ofertaron, e que agora se adxudican, son tres na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. En concreto, os novos profesionais incorporaranse aos centros de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa, de Cambados e do Grove.

Estes tres novos médicos súmanse aos primeiros 18 médicos especialistas en Atención Primaria que se  incorporaron en outubro nas prazas de facultativo nos diferentes centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En concreto, cinco dos novos facultativos foron nos centros de saúde da cidade de Pontevedra, tres en Vilagarcía de Arousa, dous Cambados, dous en Marín, e cadansúa praza nos centros sanitarios de Baltar, Meaño, Moraña, Ponte Caldelas, Ribadumia e Vilaboa.
 
Os novos médicos facultativos de atención primaria desenvolverán necesariamente as súas funcións e prestación de servizos tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada. Para este novo persoal fixo ábrese o prazo dun mes para que se incorporen á praza adxudicada.

Comentarios