O Grove | O PSOE buscará revalidar a maioría absoluta, o resto de candidaturas aposta polo cambio

Os socialistas queren anotarse o tanto da aprobación definitiva do PXOM ► Outros retos que todos queren acadar son o centro de saúde e o de día
20220630_Salnes_066
photo_camera Concello de O Salnés. DS

José Antonio Cacabelos (PSdeG-PSOE): "A finais deste ano 2023 teremos o PXOM do Grove aprobado"

2023052612390641990
José Antonio Cacabelos. DS

Acadou un fito histórico no Grove coa maioría absoluta das pasadas eleccións. Que previsións fai para estas?
Recoñézoo, a confianza que os veciños e veciñas depositaron no noso grupo hai catro anos foi inmensa. Un feito histórico, a primeira vez que un partido político obtivo maioría absoluta. O máis importante é que grazas á maioría absoluta fixemos avanzar O Grove. E digo isto porque nas cuestións clave destes catro anos non tivemos ningún apoio dos demais partidos. Todos votaron en contra. Exemplos disto son a construción do auditorio ou a escola de música. Votaron en contra PP, BNG e Esquerda Unida. A compra do Colexio das Monxas, que foi a acción que máis apoio social conlevou no Grove, pero resulta que votaron en contra. Na aprobación provisional do PXOM abstivéronse Esquerda Unida e PP e BNG votaron en contra. Con todo isto quero dicir que as maiorías son importantes, avanzamos máis con elas, e polo tanto, nós afrontamos esta campaña electoral ofrecendo aos veciños e veciñas do Grove unha bagaxe de resultados e feitos que todos os veciños e veciñas poden comprobar. A partir de aí e para seguir avanzando é necesaria a maior confianza posible dos veciños. O 28 de maio nós aspiramos a intentar renovar novamente a confianza dos veciños e veciñas para poder seguir avanzando outros catro anos.

Faga balance de como é O Grove dous mandatos despois baixo o Goberno do PSdeG-PSOE.
Nestes oito anos que levamos continuados, que é dos que podemos facer balance, creo que os veciños e veciñas do Grove poden valorar claramente que fomos transformándoo cunha idea clara. Se nos catro anos anteriores transformamos a rúa Castelao, facéndoa peonil, mercamos o terreo para o aparcamento de Entrehortas, iniciamos o desdobramento de beiramar, executamos a obra entre San Vicente e a igrexa, cun proxecto moi humanizador, facendo O Grove máis accesible, estes últimos catro continuamos esta liña. Desdobramos beiramar para aliviar o tráfico polo centro, transformamos totalmente a rúa Alexandre Bóveda que iniciamos hai oito anos, seguimos actuando no rural, onde todo o mundo pode ver que estamos a executar a obra da senda entre Campos e Reboredo, que nos vai permitir camiñar ou ir en bicicleta con total seguridade e, por suposto, tamén son importantes os servizos. A escola do Monte da Vila agora é municipal. Nas Monxas estamos cun punto de atención á infancia onde atendemos a 20 rapaces, e estámola transformando para trasladar Vellos Tempos, para atender tamén a dependentes con enfermidades dexenerativas. Grazas ao auditorio na Escola de Música hoxe temos 120 alumnos, nunca houbera tantos formándose musicalmente, e tamén nos permite programación musical todo o ano, cine e unha nova liña de turismo, como é o Congreso de Turismo.

Que principais obxectivos hai para un posible terceiro mandato consecutivo?
O primeiro gran obxectivo é seguir traballando na humanización das rúas, como Luisa Mestre, cun convenio xa proposto á Xunta; executar a subida a Liñares; a estrada de Meloxo, que é da Deputación, coa cal xa estamos a traballar e temos un proxecto; abrir o vial que conecta Monte da Vila con Xoán XXIII é fundamental, e por suposto levar adiante a urbanización das Touzas para ubicar alí o futuro centro de saúde. No rural continuar as sendas, e no día a día seguir tendo zonas verdes, flores, xardíns, o mantemento dos parques infantís e biosaudables. En San Vicente executar a obra de reforma de Bizocas e avanzar para facer do Grove unha vila moderna do século XXI.

O Grove xa non está para experimentos do pasado que bloqueaban proxectos e debates, o que ofrecemos é solidez"

Volve contar prácticamente co mesmo equipo de base...
Totalmente. Incorporamos un 30% de renovación e a experiencia dinos que a xestión da política municipal é cada vez máis complexa polas normativas e xestións. É necesaria experiencia e seriedade, un equipo recoñecido, e a solidez deste é o que ofrecemos. O Grove xa non está para experimentos do pasado que bloqueaban proxectos e debates.

O PXOM foi unha das liñas mestras do anterior mandato. Pensa seguir pelexando por el?
O PXOM ten tres fitos. O primeiro é a aprobación inicial que ten que facer o Pleno por maioría absoluta. O segundo é a aprobación provisional tamén en Pleno. Unha vez feita, trasládase á Xunta para a aprobación definitiva. Os dous primeiros trámites que son competencia municipal están feitos, grazas á maioría absoluta que temos. Agora falta a parte que corresponde á Xunta, e sobre o que algúns intencionadamente trasladan unha información errónea á veciñanza. Téñenme dito: «con maioría absoluta e resulta que o PXOM está sen aprobar», e non é así, senón que grazas a que temos a maioría está aprobado provisionalmente na competencia municipal. Levabamos un ano negociando con Portos e Patrimonio por dous informes non favorables. O informe favorable de Patrimonio chegou hai unhas semanas e o de Portos está listo tamén. Deste xeito, imos poder seguir coa tramitación porque só corresponderá a Urbanismo da Xunta a súa aprobación, xa que por fin completamos a fase de informes necesarios.

Habería PXOM este mandato?
Ás veces peco de dicir datas, pero estou convencido que a finais deste ano 2023 teremos o PXOM aprobado, porque non hai máis pasos. Non entendo que a Xunta vaia ter obxecións e non sería entendible que se utilizara para bloquear proxectos.

Pablo Leiva (PP): "O PP está condenado sempre a loitar contra pactos de perdedores"

O candidato do PP, Pablo Leiva, no seu despacho. DS
O candidato do PP, Pablo Leiva, no seu despacho. DS

A súa elección como candidato foi unha sorpresa este ano. Como afronta o reto?
Con moita ilusión, moi motivado e animado a reverter a situación do Grove, que o precisa.

Que pode darlle o PP ao Grove?
Principalmente escoitar aos cidadáns e facelos partícipes de todas as políticas locais. De feito, unha das propostas que levamos é a de desenvolver un regulamento de participación cidadá para que teñan máis prioridade as asociacións veciñais e todas as asociacións tanto culturais, como deportivas ou de comercio, e de todo tipo que funcionan no Grove, e que son os verdadeiros motores sociais deste povo, e que fixeron avanzar ao Grove, e non o Goberno actual.

Cal sería un proxecto importante para vostede?
Parécenos importantísimo, e que non se conseguiu en 12 anos de goberno socialista, facer por fin un novo centro de saúde, máis céntrico, accesible para todos os cidadáns e moderno, con todas as novas tecnoloxías. Estano conseguindo, por certo, outros concellos do lado que son incluso do PSOE.

Parécenos importantísimo facer un novo centro de saúde máis céntrico, accesible e moderno"

Como se desenvolvería baixo un mandato do PP?
Aínda que non dependemos exclusivamente do PXOM, porque isto xa se podía facer coas normas actuais antes del, polas malas relacións institucionais que mativo e segue mantendo o actual rexedor coa Xunta de Galicia non se chegou a bo porto con esta infraestrutura imprenscindible. 

Con vostede no Goberno local sería máis fácil?
A Xunta non discrimina a nadie, conseguírono outros gobernos da mesma cor política que o PSOE, pero este Goberno non propiciou que se levara a cabo. Se en 12 anos non o quixeron facer...

Que outro proxecto lle gustaría sacar adiante?
Insistir en que se faga un centro de día público. O centro privado que hai no Grove, do que fai publicidade un alcalde socialista, non vai cubrir todas as prazas para os maiores. Tamén atender a precariedade da gardería infantil e traer ciclos formativos para a xuventude no institudo de Monte da Vila, ademais de construir un pavillón, que é un compromiso que teño adquirido coa Xunta.

Cal é a marca a bater?
O obxectivo é gobernar. As sensacións son moi positivas, a cidadanía quere un cambio radical. Un pacto é inviable, as esquerdas vanse unir e o PP está condenado sempre a loitar contra pactos de perdedores.

José Antonio Otero (Esquerda Unida): "Queremos coidar ás persoas e facer unha xestión transparente"

O candidato de Esquerda Unida, José Antonio Otero. DS
O candidato de Esquerda Unida, José Antonio Otero. DS

Dígame tres actuacións fundamentais que levaría a cabo Esquerda Unida no Grove.
O máis importante para nós é o centro de día, vendo a cantidade de persoas maiores que temos, e outra actuación sería o centro de saúde, que aínda que non é unha competencia municipal, sería importante conseguilo. A ampliación da escola de Rons sería a terceira. Hai que desbloquear a desafectación dos terreos para que a Xunta a amplíe e gañar espazo de gardería. A maiores destas tres tamén nos gustaría acometer unha reforma integral do pavillón do colexio de Conmeniño e da casa da cultura de San Vicente.

Nas pasadas eleccións quedou ás portas dos tres edís. Que agarda destas?
Nós presentámonos sempre coa intención de gañar. Lóxicamente, despois os resultados serán os que se dean. Este ano temos un bo proxecto, a experiencia na oposición que nos avala e un equipo con facultades como para poder gañar. O resultado xa se dará e calquera subida de edís sería un gran paso.

O PSOE demostrou nestes catro anos de maioría que non se pode ter confianza nel para estar nun Goberno de coalición"

Cal diría que é o seu punto forte como candidato á Alcaldía e que podería aportar un Goberno de Esquerda Unida?
Tanto o equipo coma min, o que queremos é coidar ás persoas, darlle voz á veciñanza, facela partícipe e ser transparentes na xestión do Concello. Tamén somos moi coidadosos cos pequenos detalles, e gústanos mellorar as cousas que realmente lle importan ao veciño. Ás veces as grandes obras non son o máis importante, primeiro é o mantemento, a conciliación, o coidado das persoas maiores, o deporte ou a cultura. Nós sempre imos contar cos veciños para actuar. Se hai que facer unha obra, primeiro imos achegarnos aos afectados para explicarlles o que pasa, e darlles a oportunidade de que poidan opinar e tomar decisións.

No caso de ter que pactar, con quen o faría?
Sinceramente non me prantexo ningún tipo de pactos porque nós imos a gañar. Non nos prantexamos entrar nun Goberno de coalición nin co PP nin co PSOE. Co PP xa é algo inviable e o PSOE demostrounos estes catro anos de maioría que non se pode ter confianza nel para estar nun Goberno de coalición. Outra cousa é se eles apoiarían un Goberno noso, pero nós non prantexamos iso.

David Torres (BNG): "O centro de saúde non se fixo por neglixencia do Goberno local"

O candidato do BNG, David Torres. DS
O candidato do BNG, David Torres. DS

Dende o BNG aspiran a que O Grove sexa un referente no Salnés. Como o farían?
Primeiro temos que darlle a participación á veciñanza. Agora mesmo estamos nunha situación de imposición dende o Goberno local e queremos cambiar isto. Queremos darlle o mantemento que precisan todas as instalacións públicas, colexios, xardíns, rúas e impulsar a construción dun novo centro de día público, e tamén conseguir o novo centro de saúde, que leva moitos anos sen facerse pola neglixencia do Goberno local, que non pon os terreos cunha calificación urbanística a disposición da Xunta. Tamén fariamos un novo vial que lle dea servizo a toda a zona de Monte da Vila, e dotariamos ao concello de zonas de aparcamento. En definitiva, devolverlle a vida ao Grove.

Que obxectivo se fixa?
Hai que lembrar que o BNG gañou no Grove nas Autonómicas e a nosa meta é gobernar, é algo que se pode conseguir.

Ten sentido a idea dun pacto?
En principio presentámonos para gañar e gobernar O Grove en solitario. Se precisamos un pacto imos tratar coas forzas que teñan un programa similar ao noso para tratar de chegar ao Goberno. O PSOE non contou con nós nestes oito anos. Nós queremos contar con todos pero dubido que o PSOE entrara nese pacto. O PP por programa tampouco entraría, e quedan menos opcións, pero creo que si é real que se poida conseguir o Goberno do Grove. Hai que medrar pero creo que estamos en condicións de facelo. Tampouco necesariamente precisamos unha maioría absoluta. O diálogo fronte á imposición vai triunfar nestas eleccións.

Paco Iglesias (Partido Galeguista): "O panorama político é incerto e haberá cambio"

O candidato do Partido Galeguista, Paco Iglesias. DS
O candidato do Partido Galeguista, Paco Iglesias. DS

Cal é o papel do Partido Galeguista nestas eleccións?
Estamos convencidos de que vai haber un cambio, xa que hai un descontento xeralizado polo xeito impositivo de gobernar do actual alcalde e aspiramos a recuperar a confianza. As expectativas son altas e o panorama político, incerto.

Cal sería un obxectivo realista a nivel de representación para o PG?
Nós aspiramos a todo. Temos espectativas moi altas. Detectamos que todo o mundo quere sacarlle a maioría absoluta ao PSOE. Así como hai oito anos Miguel Pérez de oito concelleiros pasou a catro, cremos que é totalmente posible que Cacabelos de 10 pase a cinco.

Como perfilaría o futuro?
Para perfilar o Grove temos que sentarnos todos os actores políticos, sociais e económicos, porque se un non sabe o que quere ser de maior, difícilmente vai saber poñer un rumbo axeitado. Creo que temos que sentarnos todos arredor dunha gran mesa cun notario que levante acta e que sexamos capaces unha vez expresadas as ideas, de facer un gran proxecto político, social e económico, que é do que estamos necesitados. Actualmente estamos funcionando a salto de mata, de ocorrencias, e non hai unha planificación do que queremos a nivel de infraestruturas e a outros niveis. Non hai unha planificación política real ao que precisa O Grove, sempre estamos improvisando e esa é unha mala praxe.

Gonzalo Bea (Podemos): "Gustaríanos mellorar as políticas sociais"

O candidato de Podemos, Gonzalo Bea. DS
O candidato de Podemos, Gonzalo Bea. DS

Que busca Podemos?
A Alcaldía e sacar os máximos edís posibles.

Un reto a conseguir?
Se conseguimos representación ou un par de edís para nós é unha victoria.

Un proxecto de cabeceira.
Mellorar as políticas sociais e loitar para que haxa aparcamento no pobo, ademais do centro de día e a ampliación da gardería.

Estaría disposto a un pacto?
Si, habería que estudalo, pero é algo que si que se podería dar.