A nova ordenanza de terrazas entra en vigor con sancións de ata 3.000 euros

As instalacións poderán dispoñerse na rúa ata as 2.00 horas de novembro a maio e ata as 2.30 horas de xuño a outubro, cunha tempada que abrangue o ano natural, segundo o BOPPO
O uso das terrazas en Sanxenxo increméntase na tempada alta de turismo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O uso das terrazas en Sanxenxo increméntase na tempada alta de turismo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A nova ordenanza de terrazas de Sanxenxo entra en vigor tras aprobarse definitivamente sen que se presentara ningunha reclamación á aprobación inicial, segundo publicou o pasado luns o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

As sancións que terán que afrontar os hosteleiros que non cumpran a nova normativa clasifícanse en faltas moi graves, con multas de 1.501 a 3.000 euros; graves, de entre 601 a 1.500 euros; ou leves, entre 150 e 600 euros.

Serán interpretadas como faltas moi graves o traspaso ou cesión da licenza, o cambio de emprazamento sen licenza, ou a instalación da terraza sen licenza e posibilidade de legalizar, entre outras. Cabe recordar que o borrador inicial deseñado polo Goberno local contemplaba, nun principio, sancións que poderían chegar ata os 6.000 euros no caso das máis graves, un importe que se viu reducido á metade.

Os hosteleiros terán que respetar un horario de instalación das terrazas que vai dende as 8.00 ata as 2.00 horas para os meses de novembro a maio, e ata as 2.30 horas para os meses de xuño a outubro, en temporada alta. A tempada de instalación establécese no ano natural. A ordenanza tamén contempla infraccións por ruído, que poderían desembocar na revogación da licenza, o pagamento da taxa correspondente, e reserva o outorgamento das licenzas á Alcaldía de Sanxenxo, conforme á lexislación vixente.

ZONAS ESPECIAIS. A nova ordenanza considera zonas de especial interese os enclaves Augusto González Besada, Praza Aviador Piñeiro, Praza Portugal, Paseo Praia de Silgar, Parque da Panadeira, Parque do Espiñeiro, Parque de San Roque, Rúa Méndez Núñez e Praza Rúa Méndez Núñez con Rúa Marina, nos que o Concello se reserva a potestade de predeterminar a ocupación máxima e as determinacións estéticas dos elementos para instalar.

No Porto Deportivo Juan Carlos I permitiranse as cubricións a catro caras, e para o Paseo dos Barcos e a rúa Rafael Picó haberá que presentar un proxecto conxunto de toda a rúa, previa autorización do Concello, coas indicacións de que as cubricións sexan de toldo ou cuberta extensible ancoradas ao chan e de cor branc, os frontais de cristal, e non se permitirán laterais excepto nas terrazas extremos ou finais.

Comentarios