domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Oubiña rende homenaxe ao mar arousán

O fotógrafo clausura ExpoSalnés, en Cambados, como sala de exposicións cunha mostra na que reúne 30 imaxes realizadas ao longo dos últimos cinco anos na Ría de Arousa

ExpoSalnés deixa de acoller exposicións. A sala de Cambados despídese desta funcion cunha mostra de fotografía titulada Sempre @ Mar, de José Luiz Oubiña. Inaugúrase o venres 18 de setembro (20.30 horas) e reúne arredor de 30 imaxes tomadas ao longo dos últimos cinco anos na Ría de Arousa.

"Cando me chamou o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, no que pensei foi en facerlle unha homenaxe ás xentes do mar", explica Oubiña. "E en concreto á xente de Cambados, porque lle teño moito agarimo". A relación especial con Cambados do fotógrafo afincado en Vilagarcía remóntase a cando era, xunto a Miguel Riopa, comisario do festival Proxecta, que se celebrou entre 2008 e 2015. "Os primeiros años fixémolo en Vilagarcía. Os últimos tres, en Cambados, que nos acolleu magnificamente ben e eu non o esquezo".

O título da mostra de ExpoSalnés é precisamente un xogo de palabras entre 'amar' e 'a mar'. "De verdade penso que, na vida, o máis importante que podes facer é amar. Mesmamente a profesión que realizas. Se a fas con amor deixa de ser un traballo para converterse nalgo fermoso, que te apaixona, case un divertimento", conta. "Co mar tamén pasa algo así. A xente vive do mar e para o mar. Sobre isto construín a exposición, que non deixa de ser unha pequena homenaxe ao mar da Ría de Arousa".

As instantáneas foron tomadas en Vilaxoán e, sobre todo, no porto de Santo Tomé, polo que Oubiña ten debilidade. "Santo Tomé do Mar era unha antiga vila que acabou anexionándose a Cambados". Na mostra tamén ten especial protagonismo o marisqueo que se realiza arredor da torre de San Sadurniño.

"Fago fotos como camiño ou respiro. Vivo disto e para isto", di Oubiña

"En realidade a exposición está dividida en tres partes: unha centrada directamente na auga, no líquido elemento; outra nos instrumentos de traballo que empregan os pescadores e as mariscadoras, e unha terceira nos propios traballadores do mar, nas persoas", comenta o fotógrafo, que retrata dende homes e mulleres ata aparellos ligados ás súas faenas e paisaxes da costa, pasando polas proxeccións dos barcos no mar "que deixan imaxes fermosísimas, de moito colorido".

FILLO DE GALEGO. José Luiz Oubiña (Curitiba, Paraná, Brasil, 1959) é metade galego e metade brasileiro. "Meu pai era do Grove, así que son algo meco", di. "En Galicia levo vivindo 30 anos".

Fotógrafo apaixonado da súa profesión lembra que a súa primeira cámara foi da marca Kodak e que a recibiu cando tiña 10 anos a modo de agasallo. "E con 18 montei o meu primeiro laboratorio no baño da casa".

foto entrevista oubiña Formado como mestre de artes plásticas en Brasil, estando na universidade comezou a dedicarse de xeito semiprofesional á fotografía. "Houbo un momento no que estiven metido en moitísimas cousas: teatro, música, fotografía... Pero cando chegou o intre no que tiven que decidir por onde tirar decidinme por ela. Porque eu fago fotos como camiño ou respiro", apunta.

Dende 1985, José Luiz Oubiña vive profesionalmente da fotografía. "Vivo dela e para ela. Con todos os altos e baixos que iso conlevou na miña vida, porque esta é unha profesión que te castiga moito. Houbo momentos moi complicados onde tiven que conformarme con facer só fotos co móbil porque non tiña equipo e outros marabillosos onde o agarimo da xente ou a satisfacción me desbordou".

Oubiña rende homenaxe ao mar arousán
Comentarios