domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Palilleiras, da aula ao bar

O grupo de palilleiras, onte pola tarde dando unha clase no restaurante Don Camilo, en Sanxenxo, que está á venda. RAFA FARIÑA
O grupo de palilleiras, onte pola tarde dando unha clase no restaurante Don Camilo, en Sanxenxo, que está á venda. RAFA FARIÑA
O antigo restaurante Don Camilo abriu as súas portas a un grupo de palilleiras de Sanxenxo que quedaron sen local de labores a causa da pandemia

O restaurante mesón Don Camilo (rúa dos Poetas Galegos, 9) leva dous anos pechado pola xubilación dos propietarios, pero este mes comezou unha nova vida. Cando o grupo de palilleiras ao que asiste María René Castro quedou sen local para dar as clases por mor da crise sanitaria, non o pensou dúas veces: aí estaba Don Camilo, o restaurante no que traballara co marido durante 30 anos, pechado e sen uso. Colleu as chaves, e puxo solucións sobre a mesa. "Levabamos dende primeiros de marzo sen clases e cada unha tivo que arranxarse como puido para pasar a situación. Hai quince días quedamos coa mestra para tomar un café e para vernos, pero díxonos que polo momento o Concello non ía abrir o local onde damos as clases. A cousa quedou aí, pero falando coa miña cuñada, que é socia do bar, decidimos propoñerlle á mestra dar as clases aí", explica María René.

E así foi como a actividade volveu a Don Camilo, que agora mesmo está en venda. "Todas quedaron encantadas da vida", di. Dende entón reúnense os martes pola tarde no restaurante, provistas de xel desinfectante e máscaras protectoras, aproveitando a amplitude do local, que permite dar as clases sen riscos. O anterior local das palilleiras, que utiliza a asociación Mulleres Rurais para diferentes obradoiros de labores, non ofrecía as garantías axeitadas para combinar todas as clases de xeito seguro polo que, de momento, permanece sen actividade. "Nós o restaurante témolo sempre preparado para cando o veñen a ver. Entón foi moi fácil, cada unha leva o seu xel e é un lugar limpo e seguro", explica. "Ademais aquí temos suficiente sitio onde aparcar e non hai que ir ao centro de Sanxenxo", conta, satisfeita coa solución.

XUNTAS. María René comezou a dar clases de encaixe de palillos a pouco da xubilación do marido e do peche do bar, en 2017. "Comecei en outubro de 2018. A miña cuñada xa levaba moitos anos indo, e eu non me decidía porque non podes palillar en todos os sitios. E aínda menos mal, porque ao final enganchoume de tal xeito que estou seguido a palillar en cada momento libre que teño. A mestra está asustada conmigo", ri.

Antes facía calceta, e pasou dos patucos aos panos. "De momento aínda non fago cousas tan difíciles coma chales, pero vou aprendendo", da man de Tere, a mestra. Entre todas forman un grupo de entre oito e dez mulleres para as que as clases son, non só un lugar onde aprender, senon un xeito de estar xuntas e de apoiarse unhas nas outras.

"Cando tiñamos o bar houbo algúns anos malos, non atopabamos xente para traballar, era moi estresante. E do xeito en que nós o tiñamos enfocado, dando comida caseira e de primeira calidade, ás veces nin sequera atopabas as cousas que ti querías. Levaba moito traballo", explica María René que, despois desta etapa, atopou nas clases de palillos un lugar onde relaxarse, charlar e compartir vivencias con compañeiras coma Berta, Rosa, Raquel ou Carmen.

"A máis veterana é Raquel, que ten 84 anos, pero está coma unha rosa". Algunhas das compañeiras están xubiladas e outras viuvas. "A maioría vai para estar todas xuntas, para falar unhas coas outras e alí estamos dúas horas". "É a miña labor preferida. É complicada, pero moi lóxica", conta. "Coma a informática, que tamén me gusta moito".

Palilleiras, da aula ao bar
Comentarios