O pavillón de Baltar reformarase a través dun convenio por un millón de euros

O documento, asinado este martes, suporá a aportación de máis de 800.000 euros por parte da Deputación a través de ReacPon
O alcalde, Telmo Martín, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este martes durante a sinatura. CEDIDA
photo_camera O alcalde, Telmo Martín, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este martes durante a sinatura. CEDIDA

O proxecto de reforma integral do pavillón de Baltar, que fora anunciado polo Concello de Sanxenxo o pasado verán xa ten financiación. O Concello e a Deputación de Pontevedra veñen de asinar este martes un convenio de colaboración mediante o que o ente provincial aportará 803.573 euros e o Concello os 267.858 restantes que forman o total dos 1.071.431 euros polos que se licitará a actuación, enmarcada dentro do plan provincial ReacPon.

Tal e como salientou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a estrutura é, na actualidade, "a instalación deportiva cuberta máis importante de todo Sanxenxo", situada no entorno dos campos de fútbol do instituto. Sen embargo, carece de prestacións deportivas, climatización, confort térmico e itinerario accesible para persoas con mobilidade reducida. Deste xeito, o Plan garantirá a súa reforma para convertelo nun edificio con eficiencia enerxética, accesibilidade, illamento térmico, cunha nova fachada e un novo pavimento que, dende o ente provincial definiron como "un pavillón do século XXI".

Durante a sinatura do convenio, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, garantiu que o pavillón de Baltar "cumprirá a Axenda 2030, o Plan de Resiliencia e os fondos Next Generation para ser un edificio intelixente, sostible, con uso eficiente de recursos e loitando contra o cambio climático" xa que "empregará enerxías sostibles e suporá un aforro económico. Con este novo pavillón a xente fará uso dun equipamento que estará á súa altura", engadiu. Pola súa banda, Martín Salientou exemplos da transformación impulsada na vila polas dúas institucións con "outros convenios como as obras na contorna do mercado de Portonovo, a estrada desde a igrexa de Noalla ata A Lanzada ou a transformación da vía desde a rotonda da PO-308 a Adina".

AS CLAVES DO PROXECTO. A obra do pavillón de Baltar contempla a instalación dun novo pavimento na pista e equipamento deportivo. Este último terá características especificamente deportivas, que pasan pola instalación dunha pista de madeira sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho, un sistema que permite xerar unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento, mellorando o seu comportamento.

Renovaranse tamén os vestiarios, coa instalación dun sistema de renovación de aire, novos trens de ducha con cabinas adaptadas, e crearanse novas escaleiras exteriores para a evacuación do público e habilitarase un novo ascensor dende o vestíbulo de entrada para facer accesible todo o edificio, ademais de ampliar o vestíbulo, renovar o revestimento da fachada no exterior e cambiar as escaleiras por unha rampla accesible.

Cabe destacar o sistema de xeración de AC S (Auga Quente Sanitaria) e ventilación con renovación de aire do recinto, tanto na pista como nos vestiarios e ximnasio e a iluminación natural a través da fachada.

Comentarios