A asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo, en apuros

O colectivo solicita á cidadanía apoio porque as casas de acollida están "a tope" e non poden facerse cargo de máis animais
2020062612361169556
photo_camera Fanequiña. PELUDOS INVISIBLES

A asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo non pasa polo seu mellor momento. A crise sanitaria xerada pola covid-19 paralizou a actividade da entidade, sostida por un grupo de voluntarios e voluntarias que empregan o tempo que lles queda despois dos seus respectivos empregos para velar polo benestar dos animais vagabundos ou abandonados, gatos na súa práctica totalidade, e algún que outro can.

A asociación, que traballa unicamente con familias de acollida, vive unha situación crítica ao ter "as casas de acollida a tope. Co tema da covid-19 estivemos moito tempo sen poder facer mercados, que é a nosa forma de ingreso, e por riba apareceron unha chea de casos de abandono en moi pouco tempo. De feito, en 24 horas tivemos chamadas da Policía Local sobre dúas camadas de catro gatos de biberón cada unha", explica a presidenta da asociación, Amalia González. "Vímonos saturados. Non están saíndo adopcións, na corentena paramos, pero a xente continúa sendo reticente na nova normalidade. Non sei se é polo verán ou porque se dixo que os gatos podían contaxiar, pero as casas de acollidas seguen a estar cheas", conta. Por isto, Peludos Invisibles de Sanxenxo tivo que tomar a dificil decisión de parar a actividade.

Na actualidade teñen 16 gatos en acollida, "oito bebés, outros oito máis grandes", e unha cadeliña , e, ata que atopen familia, non poderán acoller máis. "Isto é unha chamada de auxilio para os veciños e veciñas, para que se animen a ser casa de acollida e a adoptar". Para as casas de acollida, a asociación corre cos gastos de manutención, xoguetes e veterinario. "Estamos xustos de cartos e, se a xente non adopta, as casas seguen estado cada vez máis cheas", conta Amalia, que tamén explica a inviabilidade de refuxiar máis gatos nas casas coas que xa colaboran. "Nunha casa temos tres gatiños, non podemos meter máis. Outras teñen un gato que convive con outros animais, e dúas casas fixéronse cargo dos oito bebés, que cando medren precisarán tamén un fogar".

REFUXIO. A asociación dispón, na actualidade, dun almacén para pensos e outras cousas, cedido polo Concello de Sanxenxo. "Plantexámonos ter un lugar de reunión, incluso para vender a nosa artesanía, pero danos un pouco de medo que nos pase coma a outros refuxios, que cando chegan pola mañá atópanse cunha caixa cun animaliño no seu interior", explica. Sobre a posibilidade de ter un refuxio propio, é "inviable, porque non hai mans par mantelo. Facemos voluntariado porque queremos, pero todos nós precisamos pagar as facturas e non dispoñemos de todo o tempo que faría falla".

Polo momento, a asociación non ten pensado retomar a actividade ata que "alguén adopte un gato, para que poidamos recoller outro nun fogar de acollida", polo que Amalia anima aos veciños e veciñas a solidarizarse. "Con cariño todo se soluciona, pero deben estar dispostos a ter un pouco de movemento na casa".

Precísase acollida e adopción

Para acoller a un dos peludos invisibles, o primeiro requisito é "ter ganas". Segundo explica Amalia González, "se acolles a un, estás salvando a dous. Ao que acolles, e a outro que pode entrar no anterior fogar. Se teñen animais, é importante que estean coas vacunas e a desparasitación ao día, porque os gatos que veñen da rúa adoitan vir mal".

Outra cuestión a ter en conta, apunta a presidenta, é "ter un pouquiño de tempo para estar con eles e ensinarlles que as persoas non somos malas, porque normalmente son gatiños asustadizos que teñen problemas de medo, e que se teñen que ir acostumando pouco a pouco".

No caso dos gatos lactantes, "si que ten que haber alguén da casa que poida estar presente para darlles de comer cada dúas ou tres horas. Pero para os gatos maiores basta con ter un pequeno espazo e telo na casa sen riscos".

Para adoptar, o único requisito é o compromiso de esterilización. "Iso só para os cachorros, que non se poden esterilizar ata os seis ou sete meses. Aos adultos xa os temos todos castrados". Para isto, a asociación traballa estreitamente coa clínica de Portonovo, que ofrece un 30% de desconto ás familias adoptivas. No caso de adoptar un gato de biberón, a asociación prefire que a súa futura vivenda sexan pisos. "Son moi pequenos e ninguén lles ensinou os perigos, nin tiveron contacto coa nai nin no exterior. Evitamos casas nas que teñan acceso ao exterior porque a rúa é moi perigosa para eles".

Comentarios