"Perdimos parte do inverno mirando para a obra da sede de piragüismo"

O Concello aínda non definiu a data de entrega da nova sede provisional para o Clube de Piragüismo de Portonovo, mentres os deportistas atravesan outra pretempada "a medias"
O estado que presentaban as obras na sede provisional do club en Baltar, este martes. DAVID FREIRE
photo_camera O estado que presentaban as obras na sede provisional do club en Baltar, este martes. DAVID FREIRE

No municipio de Sanxenxo hai "catro almacéns" diferentes para piraguas e ningunha sede definitiva. Esta é a conclusión á que chega o presidente do Clube de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, que vén de afrontar outro inverno "a medias" por falta dunhas instalacións onde "poder traballar ao cen por cen cos alumnos", co "lastre" que supón non poder utilizar todo o material para o adestramento á vez. "Se no ximnasio estamos utilizando as pesas non podemos utilizar os simuladores, que serven para palear en seco cando hai mal tempo. Eses simuladores ocupan bastante espazo, e na sede provisional si que os poderiamos ter todos despregados".

O proxecto da sede provisional para o clube, cuxas obras se iniciaron antes do verán, aínda está sen entegar e, mentres tanto, os e as piragüistas que practican este deporte en Sanxenxo ven pasar a pretempada. "Perdimos parte do inverno mirando para a obra", explica Rodríguez. Para el, o peor foi "pasar o ano vendo a nave sen avanzar. Agora levamos arredor dun mes que si que vemos traballadores alí, pero botamos seis meses sen ver apenas traballo nesa nave, e tampouco temos data fixa de cando se entregarán as obras".

O presidente do clube explicou que se trata dun proxecto que "tiña tres meses de execución, e xa vai alá un ano", polo que este foi outro dos 20 invernos que o clube leva reclamando unha mellora da súa situación. Segundo Rodríguez.

Na actualidade, os seus recursos pasan por un almacén na sede orixinal, a 300 metros da praia de Baltar, que resulta insuficiente para os arredor de 120 deportistas que instrúe cada ano. Ademais, conta cun pequeno contenedor de almacenaxe de piraguas para os cativos do club, co obxectivo de que non teñan que cruzar a estrada coa piragua ás costas, como fan o resto de deportistas, camiñando dende a actual sede do club, situada na Praza do Espiñeiro, ata a praia de Baltar. "Cando tes que cruzar unha rúa cunha piragua ás costas, ves dun lado, pero non do outro", sentencia Rodríguez.

Unha obra gafada e "insuficiente"
A obra atravesou serios problemas durante o verán, e acabou prolongándose a un inverno que tampouco o puxo fácil, no que as choivas dificultaron as labores. O presidente do club, Alberto Rodríguez, asegura que o último prazo de entrega que lles deu o Concello foi "a primeira semana de xaneiro" e que, previsiblemente, "poderase entregar a finais de mes". O Goberno local, pola súa parte, informa de que na obra só restan por facer "pequenos retoques", que pasan por cubrir a fachada da estructura con madeira e acondicionar a entrada á nave. Segundo o Goberno, un dos maiores atrancos foi o afundimento do chan no pasado verán, xa que a empresa constuctora comezou a edificar enriba dunha duna. Para o clube, a sede provisional segue sen ser "unha solución", xa que precisan "uns 600 metros cadrados para poder ser operativos ao cen por cen" durante os adestramentos.

Comentarios