Piden preto de 40 anos de cárcere para seis acusados de distribuír cocaína en Arousa

Trátase dun grupo que foi sorprendido con case 2 quilos desta droga en diversas inspeccións entre os anos 2010 e 2011

Cocaína. EP
photo_camera Cocaína. EP

A Fiscalía pide penas que suman 39 anos de prisión para seis acusados de varios delitos contra a saúde pública, e un deles na modalidade de cantidade de notoria importancia, por distribuír cocaína na zona de Arousa, e que serán xulgados este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Os feitos remóntanse a finais de 2010, cando efectivos do ECO (Equipo contra o Crime Organizado) de Galicia iniciaron unha investigación sobre a distribución de cocaína na zona de Vilanova de Arousa.

No transcurso desa investigación foron identificadas e posteriormente detidas seis persoas. Así, J.A.R.H. foi interceptada en febreiro de 2011 cando circulaba por Vigo nun coche, no que a Garda Civil atopou máis de medio centenar de cilindros de diferentes cores, que ocultaban en total máis de medio quilo de cocaína.

Un mes máis tarde, interceptaron a L.R.G., cando circulaba en coche por Isla Cristina, en Huelva. No vehículo atopáronse máis de 200 gramos de cocaína en diversos envoltorios, así como diñeiro en efectivo e unha báscula de precisión.

COCAÍNA, ARMAS E OUTROS EFECTOS

Os axentes tamén detiveron a M.P.O., veciño de Cambados, como presunto responsable de facilitar a droga a J.A.R.H. e a L.R.G., para a súa posterior distribución. No rexistro das súas propiedades atopáronse, ademais de dous coches, diversos útiles para manipular droga, máis de 7 quilos de cocaína, resina de cannabis, catro armas de fogo e unha máquina electrónica de contar diñeiro, entre outros efectos.

Finalmente, tamén foron detidos E.G.G.A., e M.A.M.C., cuxa función era, segundo a acusación pública, negociar a adquisición da droga aos outros acusados e a súa posterior distribución.

A Fiscalía entende que os procesados cometeron varios delitos contra a saúde pública e pide para J.A.R.H., a pena de 6 anos de prisión e o pago dunha multa de 100.000 euros. Para L.R.G. e D.P.G., pide 6 anos de cárcere e 45.000 euros de multa (para cada un), mentres que para E.G.G.A., e M.A.M.C., pide outro seis anos de cárcere.

No caso de M.P.O., o ministerio público tamén o acusa dun delito de tráfico de drogas, na modalidade de cantidade de notoria importancia, e pide que sexa condenado a 9 anos de cárcere e ao pago dunha multa de 2 millóns de euros. 

Comentarios