"Pódense facer bos traballos sobre o tópico, xogar con algo que sexa recoñecible"

A obra teatral Reino da Extinción, escrita e dirixida por Laura Porto, chega este sábado ao auditorio sanxenxino Emilia Pardo Bazán da man de Amorodio Teatro para reconciliar a toda unha xeración coas súas orixes galegas. Sobre elas reflexiona baixo os tópicos de catro personaxes e conceptos como a emigración, o idioma, o esquecemento ou a retranca
Laura Porto. CEDIDA
photo_camera Laura Porto. CEDIDA

Titulada en Arte Dramática e graduada en Filosofía, Laura Porto leva este sábado a Sanxenxo (Auditorio Emilia Pardo Bazán, 21.00 horas) unha obra profunda e reflexiva, pero tamén cargada de humor.

A entrada é gratuita, previa reserva no 986 727 936. Como chega ata o que agora é Reino da Extinción?

O tema da identidade galega obviamente é importante para min, como creadora galega, pero escribira sobre isto noutras ocasións, un tema zanxado. Contactaron conmigo as mozas da compañía Amorodio, que estaban moi interesadas en traballar ese tema e querían que o escribira e dirixira eu. Chegamos a esta obra tendo tamén en conta o que elas querían conseguir como compañía.

O fío condutor é o concepto da identidade galega. Pensa que o público, especialmente o máis novo, o que máis perdeu esa identidade, se sentirá identificado?

Creo que a peza pode funcionar con público de calquera idade, pero está especialmente pensada para o público mozo. Cando me propuxeron traballar sobre a identidade galega a miña pregunta foi como definila. Hai certas cousas que todos podemos identificar como parte da nosa cultura e que se están perdendo, pero hai que reflexionar ata que medida eses conceptos son realmente identidade galega. Algo propio de aquí que non existe noutro lugar do mundo, que está dende sempre e para sempre? Eu creo que non, que todo se transforma, e moitas costumes nosas estanse a perder, pero tamén se están a crear outras, e hai moitos trazos nosos que nunca cambiarán. A peza tamén fala diso. Comparar a unha personaxe histórica e a unha do futuro e atopar que entre elas hai trazos comúns.

O mesmo título da obra alude ao Reino de Galicia, o primeiro reino europeo. Por que destaca isto?

En xeral, nos nacionalismos peninsulares, o galego sempre foi o irmán menor, considerado o menos perigoso, o máis amable, cando en realidade o Reino de Galicia foi o reino con máis poder e máis relevancia cultural e social do que puideron ser outras coroas peninsulares. Pero hoxe ninguén o lembra e na peza é importante ver como dentro dese rasgo de identidade mutable, Galicia non é o mesmo hoxe do que era no século XII nin no XVIII, pero ningunha desas épocas é menos Galicia que outra. É moi importante o concepto de reino, e que temos a través da personaxe de Berenguela, coa que se crean situacións moi cómicas. Fálaselle de España e ela non entende que é iso. Díselle que Galicia non ten ningún poder propio e ela esandalízase. Paréceme bonito ler a inxenuidade dende a perspectiva de hoxe.

En que se fixou para atribuír os seus rasgos a cada un dos catro personaxes?

En certo sentido, no tópico. Na creación artística normalmente o tópico é algo negativo, pero creo que tamén hai que desbotar iso. Pódense facer bos traballos sobre o tópico, e isto é algo pensado para ser un produto de entretemento. Está ben xogar con algo que sexa recoñecible, co que todo o mundo entende, incluso a costa das imprecisións históricas das que son consciente.

Precísanse máis creacións deste tipo, en chave galega?

En Galicia somos moitas creadoras as que estamos facendo traballos moi bos arredor da nosa identidade e doutros temas moi superiores. O problema non é a iniciativa creadora senon o apoio institucional, que é extremadamente precario, ademais do propio foro. Aquí só se programa teatro en certas épocas e, sen ir máis lonxe, esta peza fíxose sen ningún tipo de apoio, e con moito esforzo e valentía por parte do equipo. Facer teatro é moi caro e precisamos que se aposte pola rentabilidade social e cultural que o teatro leva demostrando dende hai milenios. 

Comentarios