Histórico acordo en Sanxenxo e Poio para compartir un novo saneamento desde 2023

A actuación, que se asina este martes con Acuaes e concluirá en 2023, contará cun orzamento total de 16 millóns de euros
undefinedA depuradora de Paxariñas, que se verá ampliada, recibirá parte dos verquidos de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera A depuradora de Paxariñas, que se verá ampliada, recibirá parte dos verquidos de Poio. DAVID FREIRE

Os concellos de Poio e Sanxenxo viviron este luns unha sesión que ambas Corporacións non dubidaron en calificar como "histórica" e que supuxo a aprobación nos respectivos plenos extraordinarios do convenio para a execución e explotación das actuacións de saneamento e depuración das augas residuais, unha solución á demanda histórica da mellora do saneamento e depuración en ambos concellos, que se fai realidade grazas á colaboración entre o Concello de Poio, o Concello de Sanxenxo, e a sociedade estatal Acuaes, coa que está previsto que o convenio se asine ao longo da xornada deste martes. Esta colaboración supón unha actuación en todo o sistema dende Raxó ata Sanxenxo, que na súa primeira fase permitirá, a grandes rasgos, a mellora da EDAR de Paxariñas (Sanxenxo), a execución dun novo emisario submarino de 1.300 metros a mar aberto, e a renovación dos bombeos dende Raxó ata Sanxenxo. Neste sentido, estímase que a primeira fase concluirá en 2023, data na que todas as melloras e sistemas estarán a punto.

Trátase dun importante desembolso para as arcas municipais de Poio e, sobre todo, de Sanxenxo, que acada un valor total de 16 millóns de euros, dos que o 50% da contía estará financiada a través de fondos europeos procedentes do Programa Plurirrexional 2014-2020, mentres que o 50% restante será asumido polos municipios de Poio e Sanxenxo, en función das melloras que se realicen en cada concello. Deste xeito, dentro de tres anos, cando as obras finalicen, os concellos terán que aboar un 10% do total desta metade. Acuaes adiantará o 40% restante, pero este adianto terá que ser devolto polos concellos á entidade estatal nun prazo de 25 anos, asumindo Sanxenxo un 65% e Poio un 35%.

SANXENXO. O Pleno extraordinario de Sanxenxo aprobou na mañá deste luns o convenio de colaboración con 16 votos a favor por parte de PP, PSOE, BNG e SAL e unha abstención por parte de Ciudadanos, dende onde, a súa voceira, Vanessa Rodríguez, cuestionou o custe de oportunidade do proxecto en canto á porcentaxe a pagar da que se fará cargo Sanxenxo, asegurando que "esta proporción no corresponde a la realidad del coste de oportunidad para nuestro municipio, ya que a quien le soluciona la papeleta es a Poio", unha observación á que se sumou, dende o BNG sanxenxino, Sandra Fernández. Ademais, Rodríguez xustificou a súa abstención sinalando a celeridade dun convenio que "nos va a vincular 25 años" e no que, na súa opinión, "todavía quedan flecos que me generan inseguridades como el IVA, IBI y la recuperación de los terrenos de la actuación en el futuro". Pola súa parte, a voceira do BNG mostrou o seu rexeitamento a que «a obra leve IVE. Intervención non atopa xustificación aos 32.000 euros de canon anual que hai que pagar a Acuaes», asegurou.

A edil de Planificación Territorial, María Deza, e o alcalde, Telmo Martín, aclararon que "Poio non é máis beneficiario que Sanxenxo, xa que o máis beneficioso é ampliar a depuradora de Paxariñas e renovar o emisario. Unha depuradora no concello de Poio non beneficiaría a Sanxenxo", explicou Deza, quen tamén salientou o éxito das negociacións entre concellos e a boa vontade de Poio "ao asumir un 35% co que os técnicos dese concello non están de acordo". Deza tamén informou de que, en canto aos terreos da depuradora de Paxariñas, «seguen sendo de Sanxenxo pero póñense a disposición de Acuaes».

Pola súa parte, Martín mostrouse conforme coa porcentaxe a pagar por parte de Sanxenxo e salientou que, tras a actuación, Sanxenxo «pasará a formar parte dos concellos con excelencia no tratamento de augas residuais. É un día de noraboa e de mirar cara o futuro, ademais de ser moi esixentes con Acuaes».

POIO. A Corporación poiense aprobou o convenio por unanimidade entre BNG, PSOE, PP e Avante Poio no Pleno extraordinario que se celebrou este luns cunha hora de retraso con respecto ao de Sanxenxo. Os voceiros do tripartito coincidiron á hora de destacar este "importante paso" que «pon fin» a un proceso que se prolongou durante "demasiados anos", e que se atopaba nun calexón sin saída dende que, con anterioridade, se propuxera emprazar o proxecto en Pampaído, alternativa rexeitada por Sanxenxo.

Aínda que os grupos valoraron "positivamente" o feito de aprobar o convenio de xeito unánime, o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, afeou ao PP de Poio unha actitude que xulgou «de confrontación durante todos estes anos á hora de abordar a cuestión do saneamento, e insistindo en que a EDAR debía construirse en Poio». Pola súa parte, o voceiro popular, Ángel Moldes, celebrou que se "solucione un problema histórico, no que Sanxenxo foi fundamental".

Tanto os membros do Goberno local de Poio coma os grupos do BNG e PSOE de Sanxenxo urxiron a unha "futura implicación da Xunta de Galicia" a nivel económico "tal e como fixo en proxectos similares coma o de Vigo e Ribeira".

Comentarios