A Policía Local intervén nunha discusión na gasolinera de San Roque de Vilagarcía

Os axentes tamén actuaron nunha pelexa nun bar entre un home e unha muller
Coches de la Policía Local de Vilagarcía. CEDIDA
photo_camera Policía Local de Vilagarcía. CEDIDA

 A Policía Local tivo que intervenir na disputa entre o dependente dunha estación de servizo e unha clienta polo pago a través dunha plataforma informática do importe da repostaxe. O conflito rexistrado na gasolineira de San Roque aconteceu cando a clienta, despois de repostar, fixo o abono dos 60 euros que lle correspondían a través da aplicación Waylet, operación que se lle cargou ao momento na súa conta. Maila isto, o dependente ao comprobar que a plataforma de pagos non lle rexistraba o ingreso, pretendía que a muller o volvera a realizar, negándose ela, o que motivou a discusión.

Os axentes persoados no lugar comprobaron que efectivamente o cargo figuraba na banca electrónica da muller, procedendo a sacar unha foto da mesma para documentalo, tomándolle os datos persoais e indicándolle ao dependente que podería cursar a correspondente denuncia si o ingreso non se facía efectivo transcorrido un tempo prudencial para que a aplicación informática actualizase os datos.

Por outra banda, a Policía Local de Vilagarcía tamén acudiu o pasado sábado, ás 21.50 da noite, a un bar da Avenida Rosalía de Castro onde se producira unha pelexa na que estarían implicados unha muller, a suposta vítima, e un home, o suposto agresor. Segundo testificou a muller, o home propináralle un puñetazo cando ela lle recriminou a actitude que estaba a manter con outros clientes aos que increpaba de forma continuada a voces.

O home negou ter agredido á muller asegurando que el estaba discutindo polo partido de fútbol cando a muller se lle acercou e cuspiulle, limitándose el a empurrala para afastala. Ningunha das persoas presentes no bar aportou declaración que aclarase os feitos e ningún dos implicados quixo interpoñer denuncia.