Detido un home en Vilagarcía por unha agresión machista

Os axentes tamén arrestaron a un veciño da Illa de Arousa que os insulto e os agrediu
Comisaría de la Policía Local de Vilagarcía. GSV
photo_camera Comisaría de la Policía Local de Vilagarcía. GSV

A Policía Local de Vilagarcía levou a cabo esta fin de semana tres detencións relativas a tres incidentes diferentes. A primeira delas produciuse por unha agresión a dous axentes, a segunda ao ter localizado a un home sobre o que pesaba unha orde de detención e comparecencia no xulgado e a terceira por unha agresión enmarcada no protocolo Vioxen contra a violencia de xénero.

O primeiro dos incidentes produciuse o sábado pola noite cando o veciño da Illa de Arousa, J.O.O., de 29 anos, insultou e agrediu aos dous axentes que lle deron o alto tras detectalo circulando pola cidade nun vehículo que minutos antes tiñan multado por estacionamento indebido en zona reservada para discapacitados e por carecer do seguro obrigatorio. Tras intentar fuxir, finalmente o vehículo foi interceptado na Praza Doutor Carús. O condutor negouse reiteradamente a identificarse e, insultando e ameazando aos axentes, saíu do coche en actitude moi agresiva, empurrando a un deles e propinándolle un golpe nun ollo, segundo consta na comparecencia policial. Ante os intentos de reducilo, o individuo opuxo "resistencia activa grave", golpeando aos dous axentes que, ao ver dificultada a súa labor por máis xóvenes que se meteron para dificultar a detención, requiriron o apoio dunha segunda patrulla. Froito dos golpes recibidos, os dous axentes cursaron partes de lesións.

O detido foi igualmente atendido no centro de saúde e posteriormente entregado nas dependencias da Policía Nacional xunto cun acta na que, ante a imposibilidade de terlle practicado o test, os axentes constatan que o detido presentaba signos externos de atoparse baixo os efectos do alcohol ou do consumo de sustancias estupefacientes.

A segunda incidencia tivo lugar preto da unha da madrugada do domingo cando unha patrulla que realizaba as súas labores habituais, ao pasar pola Rúa Avelina Nogueira recoñecen a un home sobre o que lles constaba que pesaba unha requisitoria de detención e presentación ante o Xulgado Penal de Vigo. Por esta razón, proceden á identificación e á detención de J.M.R.O. de 45 anos de idade, ao que ao ser rexistrado, tamén lle incautan catro bolsiñas con cocaína. O material incautado e o detido foron postos a disposición da Policía Nacional.

A última detención produciuse sobre ás 23 horas do domingo, a raíz das chamadas á Xefatura de dúas persoas diferentes alertando, primeiro dunha forte discusión entre unha parella na Rúa Feira Nova, e despois dunha agresión á muller nesa mesma rúa. A devandita parella non se atopaba no lugar sinalado cando chegou a patrulla que, tras unha inspección pola zona, detectan nun lugar a escuras a un home e a unha muller tirados no chan e forcexeando.

Cando ve aos axentes, a muller logra levantarse e ir xunto eles chorando e moi nerviosa, segundo consta na comparecencia policial, explicando que o home era a súa exparella e que xa a tiña agredido noutras ocasións. O detido, J.A.B.D. de 59 anos, foi arrestado e conducido ás dependencias do Corpo Nacional de Policía acusado dunha agresión incluída no protocolo Vioxen.