A Policía Local de Vilagarcía tramitou 315 denuncias dende o inicio da pandemia

Incumprir o toque de queda e saltarse os peches perimetrais son as infraccións que máis se repetiron dende o Nadal
Un axente da Policía Local.G.G.
photo_camera Un axente da Policía Local. G.G.
Os labores de control e vixilancia que a Policía Local de Vilagarcía está levando a cabo para garantir o cumprimento da normativa sanitaria da loita contra a covid-19 saldouse con 315 propostas de sanción tramitadas dende a entrada en vigor do actual estado de alarma, o pasado 20 de outubro, e ata o martes.

Dada a situación que se está vivindo coa pandemia nesta terceira onda, dende o Concello prégase aos veciños o máximo respecto ás medidas preventivas para, entre todos, poder frear o avance da enfermidade que está saturando hospitais e pola que segue a morrer xente cada día. Por esta mesma razón, a Policía Local continuará vixiando e denunciando a quen faga caso omiso as advertencias e poña en risco a saúde colectiva.

Aínda que o cómputo das propostas de sanción estase a facer dende o inicio do Estado de Alarma, a desagregación por tipo de infracción remóntase ás festividades de Nadal. Dende o 24 de decembro téñense cursado 146 denuncias, das que as máis frecuentes foron por incumprir os horarios do toque de queda (47) e por saltarse os peches perimetrais que limitan a mobilidade entre concellos (41).

Dende esa mesma data e ata o día de onte tamén se deu parte de 20 persoas que non levaban a máscara de obrigado uso e se denunciou a outras 18 por participar en botellóns. Por último, cursáronse 13 propostas de sanción contra establecementos hostaleiros por diferentes causas que incumprían as normas de seguridade anticovid para o uso deste tipo de establecementos como a distancias de seguridade, consumir no interior e na barra cando non estaba permitido, o funcionamento de terraza cando non se permite o seu uso, etc. Tamén se tramitaron outras sete denuncias por reunións de persoas non conviventes.

Comentarios