Portonovo sacará o Nadal á rúa durante 15 días de xogos, música e mercado

A Rúa dos Viños inaugura o seu decorado o vindeiro día 5 de decembro ▶ Terá despedida do ano e visita de Papá Noel e dos Reis Magos
Posto no mercado de artesanía na edición pasada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Posto no mercado de artesanía na edición pasada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ata un total de 15 días compoñen este ano a programación da Rúa dos Viños de Portonovo, que o vindeiro 5 de decembro inaugurará a decoración festiva que será un dos atractivos de Méndez Núñez durante todo o Nadal. A rúa dará oficialmente o pistoletazo de saída ao programa ás 19.30 horas, e ese mesmo día quedará tamén aberto, ata o vindeiro 10 de decembro, o mercado artesán que será outro dos principais atractivos.

O mercado, pola súa banda, estará aberto en horario de 12.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas e, ademais de contar con diferentes postos de artesanía e comestibles, incluirá obradoiros para os máis pequenos ás 18.00 horas, previa inscrición no teléfono 625 936 188. Unha vez clausurado, a programación continuará o 17 de decembro, con pasarrúas a cargo de Lembranzas de Portonovo (de 13.00 a 15.00 horas). O 21 de decembro será o turno do obradoiro infantil de cociña de Nadal (18.00 horas), con inscrición no mesmo teléfono de contacto, mentres que o 23 de decembro a rúa Méndez Núñez recibirá unha das visitas máis agardadas das festas, a de Papá Noel, que acudirá a saudar aos cativos e cativas dende as 13.00 horas, e que poderán depositar a súa carta no buzón habilitado para entrar nun sorteo. Xa o 24 de decembro será Treixadura quen se encargue de animar a Rúa dos Viños, cun pasarrúas tamén dende as 13.00 horas.

Pasado o día de Nadal, o programa continuará o 28 de decembro cun contacontos ás 18.00 horas, mentres que o 31 de decembro será outra das datas sinaladas, cunha gran festa que se alongará durante todo o día. Así, a actividade comezará ás 13.00 horas cun pasarrúas a cargo de Os Gatiños, e continuará cunha festa pre Fin de Ano dende as 19.00 horas, con queima de desexos nunha cacharela. Ás 20.30 horas será o turno das pre badaladas.
 
En xaneiro, o ano comezará na Rúa dos Viños cun obradoiro infantil de Nadal (18.00 horas, previa inscrición por teléfono), e a programación continuará o día 5 coa visita dos Reis Magos, dende as 13.00 horas, e que será outra das citas sinaladas, pensada para os cativos e cativas.

A Rúa dos Viños despedirá o Nadal o 7 de xaneiro cunha chocolatada e xogos tradicionais dende as 16.00 horas no Campo de San Roque. Para a chocolatada haberá un foodtruck especial para a ocasión no Campo, e os xogos estarán conducidos por Miudiño.

A organizadora do Nadal na Rúa dos Viños e presidenta da asociación, Noemí Pensado, quixo animar a todos os veciños e veciñas a visitar a zona e gozar das actividades, nunha "viaxe encantada" a través da música cada domingo, un mercado "cheo de tesouros" e curiosas atraccións coma o muro dos desexos que se instalará na rúa. 

Comentarios