Portos ultima a concesión do bar da lonxa de Portonovo tras dous anos de peche

O ente autonómico estima que o servizo entrará en funcionamento en "pouco tempo", unha vez que a adxudicataria proposta, Ute Global Desliz S.A. e Casa Marín S.L., acepte definitivamente as condicións ►A cantina está a ser obxecto dunha profunda reforma que comezou esta semana
Obras no bar da lonxa durante a xornada deste martes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Obras no bar da lonxa durante a xornada deste martes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Van case dous anos dende que o bar da lonxa do porto de Portonovo, propiedade de Portos de Galicia, parou a súa actividade. Un servizo moi necesario especialmente para os mariñeiros que chegan do mar pola noite e que, ata o momento, non teñen a posibilidade de acceder a un establecemento que teña en conta as horas nocturnas de faena nas inmediacións do peirao. Despois de todo este tempo e cunha pandemia de por medio, o servizo volverase restablecer a través dunha nova concesión que o ente autonómico está a ultimar para abrir o establecemento aos mariñeiros e ao público xeral en "cuestión de pouco tempo", tal e como confirmaron dende Portos a este medio.

Se ben o establecemento colgara o cartel de "pechado por xubilación" dende que cesou a actividade, Portos de Galicia xa conta cunha proposta de empresa concesionaria para o servizo. Trátase da Ute formada polas sanxenxinas Global Desliz S.A. e Casa Marín S.L., tal e como publicou o ente autonómico no perfil do contratante. O concurso contou con seis ofertas e, finalmente foi a desta Ute a mellor valorada, por ser a oferta máis vantaxosa segundo os criterios aplicados. Portos de Galicia xa remitiu o ofrecemento de condicións á empresa proposta, e actualmente agarda a súa aceptación para adxudicar de xeito definitivo o servizo, que se levará a cabo á maior brevidade, unha vez que a empresa acepte e "non se produzan imprevistos".

Obras no bar da lonxa durante a xornada deste martes. DPPara os mariñeiros que faenan no porto de Portonovo a inminente reapertura do servizo é unha cuestión que facilitará o desenvolvemento do seu día a día. "Todos queremos que abra canto antes. A verdade é que para nós é un incordio non ter un establecemento ao que acudir. Algún outro local que está cerca intentaba estirar o horario para que os mariñeiros que chegan de noite poidan tomar un café, pero non é o mesmo servizo", explicou o patrón maior da Cofradía de Pescadores San Roque de Portonovo, Juan José Besada.

Neste sentido, as restriccións derivadas da pandemia agravaron aínda máis a situación. "Cos horarios de peche da pandemia complicábase todo moito máis, porque os establecementos teñen que pechar a unha hora determinada si ou si", engadiu o patrón maior. Deste xeito, a volta do bar da lonxa suporá un alivio para os mariñeiros, especialmente para os que faenan en horario nocturno, sempre que coa nova concesionaria se recuperen os horarios que se mantiñan previos aos últimos meses antes do peche, e que incluían a operatividade do bar pola noite.

OBRAS DE MELLORA. Que a volta do establecemento é inminente, é algo palpable no ambiente do porto. Dende esta mesma semana, varios obreiros traballan a un ritmo frenético para levar a cabo as obras de mellora que estreará o bar da lonxa coa súa vindeira apertura, e que os mesmos operarios estiman rematar nunhas semanas.

Nas últimas horas, ademais das continuas descargas de material, os operarios procederon a levantar as táboas do chan da terraza que arrodeaba a edificación e comezaron a colocar baldosa exterior, un indicativo de que, ademais dos posibles cambios que o establecemento poida sufrir no interior, tamén lucirá un aspecto renovado no exterior.

Comentarios