Os postes da estrada de Dorrón serán retirados en poucas semanas

A Deputación anuncia que Fenosa xa iniciou os traballos para recolocar as tructuras que permanecían situadas

photo_camera O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou os traballos de execución de novas beirarrúas na PO-308 en Sanxenxo. DP

Os postes da luz e de telefonía situados no medio da calzada da estrada provincial de Dorrón (EP-9213) deixarán de ser unha preocupación para os veciños antes de que remate o mes de maio, sempre e cando non se produza ningún imprevisto de última hora. A Deputación de Pontevedra afirmou onte que estas estruturas «serán historia» nuns prazo aproximado de vinte días. Así o indicou na xornada de onte o persoal técnico do departamento de Mobilidade da Deputación, que indicou que Fenosa xa iniciou traballos de replantexamento e tendido e Telefónica comezará a partir do luns, logo de obter o permiso do Concello de Sanxenxo esta mesma semana.

O responsable provincial do proxecto destacou que as obras "civís" que correspondían á Deputación non poden avanzar máis, xa que agora é a quenda das empresas de servizos. No día de onte, de feito, Fenosa xa metera parte do cable na estrada e iniciou as zapatas e as bases dos postes que subirán os tendidos soterrados da estrada provincial de cara ás vías municipais. Estas actuacións durarán unhas dúas semanas e media aproximadamente se a climatoloxía o permite.

Despois volverá a traballar a construtora contratada pola Deputación, Narom SL, para rematar as beirarrúas alí onde estaban os postes, estender o novo aglomerado da vía, colocar sinalización vertical e pintar a horizontal, así como instalar varandas. Estes elementos estarán finalizados un mes despois de que rematen as concesionarias de alumeado e telefonía, cando xa estará lista a totalidade da actuación.

Deste xeito, atenderase unha reclamación histórica da veciñanza, toda vez que se rematarán as beirarrúas, creando un itinerario peonil continuo entre a PO-308 e o CEIP Magaláns, canalizaranse os servizos de forma soterrada, e retiraranse os postes de telefonía e alumeado que están no medio da estrada.

OBRAS NA PO-308. Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou os traballos de execución de novas beirarrúas na PO-308 en Sanxenxo, que acaba de iniciar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, co obxectivo de coñecer as impresións dos veciños.

A obra céntrase nas inmediacións da da Carabuxeira. O orzamento destinado a esta actuación ascende a 35.557 euros. O prazo de execución será de tres meses. Os traballos iniciáronse unha vez finalizada a Semana Santa.