jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

O PP do Grove en desacordo coas medidas anticovid da Xunta para a hostalaría

Terrazas en O Grove. ADP
Terrazas en O Grove tralas restriccións. DP

Ven "arbitrario" que Sanxenxo permanecese no seu momento en nivel medio e sitúan a súa "única preocupación e responsabilidade" cos veciños 

 

O Partido Popular do Grove manifestou a súa "fonda preocupación" pola repercusión que para a hostalaría da localidade poden significar as medidas de control da propagación do coronavirus aprobadas pola Xunta de Galicia. 

O municipio turístico do Grove é un do sete que están en nivel máximo de restricións pola incidencia do Covid, polo que a hostalaría só pode servir no 30% do seu interior e na metade das súas terrazas, mentres que pubs e discotecas poden servir tamén no 50% das súas prazas no exterior, sempre que se acredite estar inmunizado. Están prohibidas as reunións entre non convivintes de 1 a 6 horas e deben ser dun máximo de 10 persoas en exterior e seis en interior. 

A través dun comunicado, os populares grovenses aseguran que "a hostalaría e o lecer nocturno no Grove son seguros" e que "non hai ningún sector que durante a pandemia fose tan estigmatizado e sobre o que recaese unha acumulación de medidas que parecen non ter fin". 

Aínda así, engaden, nun momento en que a poboación de risco xa ten a pauta completa e estando nuns rexistros hospitalarios e de ocupación de UCI "moi distintos" aos do principio da pandemia, "seguen sendo o único sector onde parece que se centran as medidas e as críticas, mentres pagan impostos, alugueres, ou a luz coma se traballasen ao 100%". 

O Partido Popular do Grove descarta "absolutamente" que a hostalaría sexa o problema, polo que entenden que a necesidade de probas PCR ou certificados de vacinación, así como reducir o aforamento nas terrazas, "son medidas que non están xustificadas, son desproporcionadas e discriminatorias de cara ao sector".

INDIGNACIÓN CON SANXENXO. Tamén lembran os populares grovenses que "comportamentos arbitrarios" como o que cren que se tivo co Concello de Sanxenxo, manténdoo fai un par de semanas nun nivel medio cunha incidencia que superaba a do resto de municipios da comarca, "non fan mais que contribuír á indignación do sector da hostalaría" no Grove. 

Sobre o sinalamento aos mozos como causantes desta nova vaga, o PP do Grove apunta que é un erro pensar que os mozos se van a ir durmir polas restricións do lecer nocturno. "Seguirán socializando", indican, á vez que sinalan que se puido comprobar que optaron por "reunirse nas casas ou nas rúas, sen máscaras e sen distancia, tal e como os veciños puideron testemuñar estes días". 

O PP do Grove pide á Xunta que atenda ás solicitudes presentadas polas asociacións de hostalaría e mude as súas posicións. "Non se entende que se discrimine por licenzas no canto de por o uso, dando lugar a situacións como que establecementos que fan a mesma actividade non poidan traballar nas mesmas condicións", advirten.

NON SON POLICÍAS. Así mesmo rexeitan que se derive o control e a solicitude de certificados sanitarios aos propios hostaleiros nun momento en que a suma de falta de persoal, nalgúns casos aínda con ERTE, "implica unha presión inaceptable sobre os traballadores dun sector que non son nin inspectores sanitarios nin policías". 

Conclúen o seu comunicado os populares grovenses asegurando que a súa "única preocupación e responsabilidade é cara aos veciños e veciñas do Grove, e a defensa dos seus postos de traballo e negocios". 

"Compartimos a reflexión expresada por moitos traballadores do sector", sinalan nun comunicado no que admiten que son precisas medidas, "pero coherentes e lóxicas, da man do sector, rexeitando a estigmatización e aplicando medidas que non poden ser similares ás do inicio da pandemia", posto que os comportamentos sociais e a situación non é a mesma, argumentan. 

O PP do Grove en desacordo coas medidas anticovid da Xunta para a...
Comentarios
ç