O PPdeG acorda a expulsión do alcalde de Meaño

Desde o órgano disciplinario do partido apuntan a unha falta moi grave de desobediencia
Carlos Viéitez.
photo_camera Carlos Viéitez.

A través dun comunicado, o PPdeG informou de que o Comité de Dereitos e Garantías acordou a expulsión do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, tras os feitos ocorridos no pleno municipal que decidiu os representantes da Corporación na Mancomunidade do Salnés.

O órgano disciplinario do partido considera a Viéitez autor dunha "falta moi grave por manifesta deslealdade ao partido" e outra, tamén moi grave, "por desobediencia ás instrucións dos órganos de goberno do partido". O motivo sería non ter seguido as instrución dadas pola dirección provincial do PP. "Debía presentar candidatura para así obter, ademais do posto nato como alcalde, outro máis como representante do Concello de Meaño, o que permitirá ao Partido Popular optar a manter a Presidencia”

“Despréndese que acordou ou pactou co PSdeG unha serie de contraprestacións a cambio de facilitarlles un representante na Mancomunidade, que precisaban para poder alcanzar no futuro da presidencia do citado ente. Non hai máis que analizar tamén outros puntos da acta do Pleno extraordinario do Concello, onde se aproban puntos relativos a retribucións, nomeamentos, etc., nos que se pode apreciar que existe un claro entendemento cos edís do PSdeG, pois ou votan a favor das propostas dos edís do PPdeG ou se absteñen”.

A resolución xa foi notificada ao propio Viéitez, que poderá recorrela ante Comité Nacional de Dereitos e Garantías no prazo de dez días.

Comentarios