Meaño

O PPdeG expulsa o alcalde de Meaño por "deslealdade e desobediencia"

O Partido Popular acusa a Viéitez de pactar co PSOE "contraprestacións" a cambio de facilitarlles aos socialistas o representante que precisaban para poder acadar a presidencia da Mancomunidade do Salnés
Carlos Viéitez, alcalde de Meaño. JL OUBIÑA
photo_camera Carlos Viéitez, durante unha comparecencia pública celebrada no Concello o pasado mes de setembro. JL OUBIÑA

Salvo que se produza un xiro inesperado nos acontecementos, a etapa de Carlos Viéitez como integrante do Partido Popular ten as horas contadas. O Comité de Dereitos e Garantías do PPdeG confirmou onte a expulsión do alcalde de Meaño da agrupación. Deste xeito, a cúpula autonómica respalda o expediente aberto no seu día pola dirección provincial 'popular'.

O motivo desta decisión ten que ver co acontecido no Pleno de organización celebrado o pasado mes de xullo, no que o respaldo de dous concelleiros do PP permitiu ao PSOE introducir un representante na Mancomunidade do Salnés. Pola súa banda, os socialistas facilitaron, a través da abstención, a aprobación dos salarios do equipo de Goberno. No caso de Viéitez, os emolumentos quedaron fixados en 38.000 euros brutos anuais, o que supón unha rebaixa de 5.000 euros con respecto ao soldo da súa predecesora no cargo, a exalcaldesa 'popular' Lourdes Ucha.

O Partido Popular entende que o xeito de proceder de Viéitez supón "unha falta moi grave por manifesta deslealdade ao partido", ademais dunha segunda infracción, "tamén moi grave", que consistiu en "desobedecer as instrucións dos órganos de Goberno da agrupación". Con respecto á elección dos representantes na Mancomunidade, o comité entende que o rexedor "desobedeceu claramente, e sen xustificación ningunha, as directricas da dirección provincial do PP de Pontevedra", que entendía que era preciso presentar candidatura "para así obter, ademais do posto nato como alcalde, un a maiores como representante do Concello de Meaño", algo que permitiría aos "populares" continuar aspirando a manter a presidencia do órgano comarcal.

O rexedor dispón agora de dez días de prazo para presentar alegacións ante o Comité Nacional de Dereitos e Garantías

Finalmente, o elixido foi o socialista Manuel Radío, que obtivo o respaldo de dous concelleiros do Partido Popular. Dase a circunstancia de que esa votación se realizou de xeito secreto, mediante a utilización dunha urna, medida que foi anunciada uns intres antes de que se abordase este asunto e que foi duramente criticada polo principal grupo da oposición, Meaño Independente.

A resolución do PPdeG fai referencia, ademais, ás alegacións que presentou Carlos Viéitez ao expediente presentado polos dirixentes provinciais. "Despréndese que acordou ou pactou co PSdeG-PSOE unha serie de contraprestacións a cambio de facilitarlles un representante na Mancomunidade do Salnés, que era o que precisaban para poder acadar no futuro a presidencia deste ente".

O informe 'popular' engade que "non hai máis que analizar tamén outros puntos da acta do Pleno extraordinario, onde se atopan aspectos vencellados ás retribucións e nomeamentos, nos que se pode apreciar que existe un claro entendemento cos edís do PSOE, pois, ou votan a favor das propostas presentadas polos concelleiros do Partido Popular ou optan pola abstención". O rexedor meañés dispón agora de dez días de prazo para presentar alegacións ante o Comité Nacional de Dereitos e Garantías.

Viéitez: "A miña lealdade aos veciños está por riba de todo"
Apenas uns minutos despois de que trascendese a decisión do Partido Popular de Galicia (que foi feita pública a última hora da tarde de onte), Carlos Viéitez deixou claro, en declaracións realizadas a Diario de Pontevedra, da súa intención de continuar á fronte do Goberno local. "Antepoño a miña lealdade aos veciños de Meaño máis alá de calquera cuestión ideolóxica, iso está por riba de todo", salientou, insistindo en que "a miña obriga é deberme aos cidadáns".

Con respecto ao dictame efectuado pola cúpula autonómica 'popular', Viéitez asegurou que aínda non recibíu comunicación oficial algunha por parte do partido. Ademais, recoñeceu que aínda descoñece se presentará alegacións ante esta decisión. "É algo que teño que analizar", subliñou.

RESPALDO
Por último, Carlos Viéitez foi moi claro á hora de asegurar que se sente respaldado polos seus compañeiros do Goberno municipal. Cómpre lembrar que o rexedor conta con cinco concelleiros, ademais do seu posto, por cinco de MI e dous edís do PSOE na oposición.

Comentarios