A Praza de Sanxenxo dispara as vendas ata o 80% na primeira quincena de xullo

O consumo no Mercado de Abastos supera nun 10% ao do mesmo periodo de 2020 ► Triunfan os produtos de proximidade e "da casa", e o marisco "segue a chamar a atención" do turismo
A clientela do Mercado de Sanxenxo mostra interese polo produto local. GONZALO GARCÍA
photo_camera A clientela do Mercado de Sanxenxo mostra interese polo produto local. GONZALO GARCÍA

A primeira quincena de xullo disparou as vendas no Mercado de Abastos de Sanxenxo, que viu medrar o consumo a nivel global "entre un 70% e un 80%" con respecto aos últimos días de xuño. Tal e como aclara o presidente dos praceiros, Egidio Barral, a chegada do turismo e das persoas que teñen as súas segundas residencias no municipio "tivo o seu efecto" no que respecta ao comezo da tempada de verán, que este ano, en canto a vendas na Praza, vai á alza en comparación co mesmo periodo do ano anterior.

Deste xeito, non só medraron as vendas, senón que o fixeron "un 10% máis que nos primeiros 15 días de xullo de 2020", tal e como explica Barral. Este factor, asegura, depende directamente da apertura total da hostelería, xa que "o ano pasado retrasouse o inicio da tempada, e este a xente animouse máis, as vacinas axudaron e hai moito máis ambiente, que repercute nas vendas".

Os praceiros notan tamén un repunte no que respecta ao consumo de produto de proximidade, polo que «as verduras das vendedoras que as traen directamente da horta, ou o polo da casa, que adoita ter unha cor amarela moito máis chamativa", son algúns dos produtos estrela polos que pregunta a clientela. "Está claro que se interesan cada vez máis polo produto local", asegura o presidente. Non obstante, apunta, na Praza "hai clientela para todo. En xeral todo está tendo moi boa saída, tanto os peixes coma a carne galega da zona e as verduras, e por suposto o marisco, que "segue a chamar a atención, sobre todo por parte do turismo, que nestas datas en Sanxenxo significa todo para as vendas".

A situación actual contrasta coa vivida a pasada Semana Santa, na que a facturación caeu con respecto á hostalería

VENDAS Á HOSTELERÍA. A mellora do clima e a apertura da hostelería son dous factores que axudaron a acrecentar as vendas na Praza de Abastos que, segundo explica Barral, dependen "na súa maior parte da hostelería". Neste sentido, a situación contrasta coa vivida durante a Semana Santa que, lonxe de servir como pistoletazo de saída previo á esta tempada, pasou inadvertida coa hostelería a medio gas, e moitos dos locais pechados, co correspondente descenso na facturación para os praceiros e praceiras de Sanxenxo.

A boa marcha do inicio do verán a nivel de vendas no Mercado depende agora da progresión da situación epidemiolóxica no municipio, algo que mantén en vilo aos praceiros que distribúen directamente á restauración. "Se a situación empeora e hai restricións, faríanos moito dano agora que comezamos a coller ritmo. Sería un pau, aínda que puideran funcionar as terrazas ou cun aforo reducido, xa que a maioría dos locais facturarían a metade e mandarían xente ao paro, e iso repercutiríanos directamente a nós a nivel de vendas, porque se volverían cancelar pedidos e dariamoslle menos saída á mercadoría como xa aconteceu anteriormente", afirma Barral, que non se mostrou optimista con respecto á situación dun sector que se mantén "á expectativa".

Comentarios