Cribado de cancro de cérvix

Os programas de cribado recibirán un 70% máis nos orzamentos da Xunta de 2023

Para participar no cribado de cancro de cérvix, as mulleres citadas poderán acudir á consulta pero, para ampliar o espectro de participación, tamén estará dispoñible un formato de autotoma
A matrona de Sanxenxo mostra o dispositivo de autotoma para o cribado de cancro de cérvix. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A matrona de Sanxenxo mostra o dispositivo de autotoma para o cribado de cancro de cérvix. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ata os 2,6 millóns de euros será a partida destinada pola Xunta aos programas de cribado, que aumentan así un 70%, dende os 1,5 millóns anteriores. Así o anunciou este venres no centro de saúde de Baltar o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen destacou o programa de cribado de cérvix como un exemplo activo nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo e Pontevedra, e que se instaurou no centro de saúde de Baltar, como centro piloto, o pasado mes de xuño. Neste sentido, a previsión é que "durante o ano 2023 se estenda ás restantes áreas".

O responsable de Sanidade salientou a prevención como un dos piares fundamentais da saúde pública, e asegurou que, grazas á partida, tamén se poderá ampliar o vindeiro ano o Plan galego de cribado Neonatal, coa inclusión de tres novas patoloxías: a atrofia medular espiñal, a inmunodeficiencia combinada grave e a hiperplasia suprarrenal conxénita.

García Comesaña calificou a ampliación de "moi necesaria", xa que permitirá ampliar a carteira e, ao mesmo tempo, manter a calidade dos cribados xa implantados coma o do cancro de mama, que acadou un nivel de participación do 82% e o do cancro colorrectal, ao alcance de toda a comunidade galega dende 2019.

AUTOTEST DE CÉRVIX. Tal e como explicou a matrona do Sergas en Sanxenxo, María Dolores Rodríguez, "está demostrado que os cribados evitan mortes, e isto é fundamental para as mulleres". No caso do cribado de cancro de cérvix, funcionará mediante citación automática, incrementando a contía "no 70% de mulleres ou ao mellor superando esa cifra". A través da nova metodoloxía de probas, a citoloxía poderá determinar "o axente causante", o que supón "un gran salto".

Para participar no cribado, as mulleres citadas poderán acudir á consulta pero, para ampliar o espectro de participación, tamén se lles pode facilitar "un formato de autotoma moi sinxelo, que se pode facer na casa, e para o que recibirían o kit de instruccións. Terían que tomar a mostra e depositala na caixa de recollida que se situará no vestíbulo".

Comentarios