Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

Un prototipo con selo sanxenxino

O dispositivo está sendo elaborado por catro estudantes da Unversidade de Vigo. CEDIDA
O dispositivo está sendo elaborado por catro estudantes da Unversidade de Vigo. CEDIDA

PROXECTO METEOROLÓXICO ▶Andrés Berreco, natural da vila do Salnés, é un dos creadores da boia que se instalará proximamente nas inmediacións da praia da Lanzada, a través dunha iniciativa impulsada pola comunidade educativa do CEIP OTelleiro de Noalla

Se non se produce ningún contratempo inesperado, os alumnos do CEIP O Telleiro de Noalla poderán analizar a temperatura da auga na Lanzada, a altura das ondas e a incidencia que as correntes mariñas poden ter para o sector pesqueiro ou para os surfistas antes de que finalice o curso lectivo actual. Está previsto que ao longo do derradeiro trimestre, previo ás vacacións do verán, se acometa a instalación dunha boia nas inmediacións do areal, unha actuación que dá continuidade ao proxecto en clave meteorolóxica que o centro educativo e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) comezaron hai anos para completar a formación dos cativos de Educación Infantil e Primaria.

Neste caso, está, ademais, a pecularidade de que un veciño de Sanxenxo é un dos protagonistas. E é que o dispositivo está sendo deseñado por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigoa. Entre eles, figura Andrés Berreco Martínez, que, xunto a Marta Seijas, Adrián Carrera e Antonio Abadía, leva meses traballando neste proxecto. "Levamos traballando na posta a punto do prototipo dende o comezo do segundo cuatrimestre, a finais de xaneiro, para unha asignatura que temos no ultimo curso chamada LPRO (Laboratorio de Proxectos), na que realizamos un proxecto real. Para isto confórmase un grupo de estudantes das diferentes especialidades que se imparten na Escola de Telecomunicacións. Esta materia culmina cunha presentación pública de todolos proxectos desenvoltos nos LPRO Days, que este ano se fará o vindeiro día 26", explica o sanxenxino.

A boia servirá para que o alumnado poida analizar diferentes datos, como a altura das ondas ou a temperatura da auga

A posibilidade de elaborar a boia do CEIP de Noalla xurdiu a finais de ano, cando a nai dun alumno comentou ao mozo que querían ampliar o proxecto da estación meteorolóxica. "Puxémonos en contacto tanto cos profesores da Universidade como cos do colexio para poñer en común as ideas que tiñamos e podelas levar a cabo", sinala.

Con respecto aos aspectos técnicos do prototipo, Andrés Berreco sinala que "está formada por unha placa de código aberto, na que nos baseamos para facer a comunicación a través da rede móbil". Conta, asimesmo, con diferentes sensores, a través dos cales se mide a temperatura da auga e outras cuestións, e un sistema de alimentación a través de placas solares.

O estudante de Telecomunicacións non esconde a súa ilusión por tomar parte nesta iniciativa. "Parécenos moi interesante que se promova esta actividade educativa. A tecnoloxía é unha arte de coñecemento que podemos empezar a descubrir desde cativos", opina.

Tal e como lembran os responsables do centro educativo, toda a información estará dispoñible na páxina web meteonoalla.es. Coas variables que se obteñan a través da boia, os cativos terán a ocasión de realizar diferentes tarefas. Trátase, en definitiva, de que os nenos poidan facer pronósticos meteorolóxicos e coñecer un pouco máis en profundidade a costa da Lanzada. Ademais, O Telleiro está interesado en promocionar esta actividade a través de diferentes revistas educativas e congresos.

Un prototipo con selo sanxenxino
Comentarios