A provincia de Pontevedra suma 295 establecementos adheridos ao bono turístico

A bisbarra do Salnés é a que conta con maior oferta de toda Galicia, con 100 negocios, entre os que destacan os 50 de Sanxenxo
Luis López, acompañado do tesoureiro do Clúster de Turismo, Alfonso Martínez, visitou as instalacións da Quinta de San Amaro, en Meaño, un dos establecementos adheridos ao bono turístico. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luis López, acompañado do tesoureiro do Clúster de Turismo, Alfonso Martínez, visitou as instalacións da Quinta de San Amaro, en Meaño, un dos establecementos adheridos ao bono turístico. GONZALO GARCÍA
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou o "éxito indiscutible" da segunda convocatoria do bono turístico #QuedamosenGalicia, impulsada pola Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster do sector, despois de que milleiros de galegos solicitaran a oferta en poucas horas e houbera que habilitar unha lista de agarda.

"O deseño deste produto demostra o gran coñecemento que ten a Xunta das demandas dos galegos e unha forte sensibilidade e compromiso co sector turístico e coa súa reactivación", sinalou o representante autonómico, que tamén destacou a elevada participación de establecementos da provincia, xa que hai 295 adheridos do total de 891 de toda Galicia, o que supón o 33%.

A tarxeta turística #QuedamosenGalicia, que ata o mes de maio convivirá co bono turístico habilitado o ano pasado para o persoal sanitario, consiste en tarxetas de 500€ –as máis solicitadas co 82% do total–, 375€ e 250€ para investir nos case 900 albergues, apartamentos, axencias de viaxes, cámpings, hoteis, pensións, casas de turismo rural e vivendas turísticas que xa se adheriron ao programa, un 60% máis que na anterior convocatoria. En total, o Goberno galego agarda que se mobilicen uns 6,8 millóns de euros que deben contribuír á reactivación do sector tras os efectos das necesarias medidas restritivas no marco da crise sanitaria do covid-19.

"Estamos ante unha iniciativa de moito éxito e por iso queremos abrila, coa maior das xenerosidades, a todos os que queiran participar e por iso gustaríanos que a Deputación de Pontevedra se sumara ao financiamento da mesma", sinalou Luis López.

GRAN OFERTA NA PROVINCIA. A bisbarra do Salnés volveuse erixir como unha das grandes referencias do sector galego, xa que conta con máis de cen negocios participantes, a cifra máis elevada da comunidade, entre os que destacan os 50 de Sanxenxo, os 16 do Grove ou os 13 de Vilagarcía de Arousa.

Entre os case 300 establecementos da provincia tamén figuran 14 do Concello de Pontevedra, 9 de Caldas de Reis, 7 da Guarda, 6 de Tui ou 4 de Oia, Poio ou Bueu, entre outros. "É palpable a ampla oferta que temos na provincia, pero tamén en toda Galicia, polo que creo que é unha oportunidade inmellorable para apostar polo noso e seguir coñecendo mellor esta terra", rematou

Comentarios