O PSOE insta a Martín a que negocie a Relación de Postos de Traballo

Telmo Martín. OUBIÑA
photo_camera Telmo Martín. OUBIÑA

A voceira do grupo municipal do PSdEG-PSOE DE Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, instou ao Goberno local, dirixido polo Partido Popular, a que «sente cos traballadores» do Consistorio, co obxectivo de negociar unha RPT (Relación de Postos de Traballo) «digna e xusta». Tal e como enfatiza a líder do principal grupo da oposición, «a elaboración deste documento persegue a meta de emendar as importantes diferenzas salariais que existen desde hai anos entre os diferentes empregados públicos do municipio sanxenxino».

Neste sentido, Fervenza ten moi claro que «e incrible que en pleno século XXI un organismo público como o Concello non dispoña de esta ferramenta básica para salvagardar a igualdade entre as persoas», comenta a concelleira do PSOE, que vai máis alá ao apuntar que «se este documento existise teríanse evitado os numerosos conflitos laborais acaecidos nos últimos anos».

Na opinión do PSdeG-PSOE de Sanxnexo, «esta problemática vese agravada polo feito de que tras as últimas eleccións subíselle o soldo a toda a corporación sen antes facer fronte a esta situación». Chegados a este punto, Ainhoa Fervenza non dubida en tirar de retranca á hora de preguntarse se «non hai cartos para pan e, polo contrario, andamos mercando estampitas?».

A edil socialista lembra que «hai uns días Telmo Martín saíu na prensa pedindo soldos dignos para os traballadores dalgunha empresa. Pedímoslle encarecidamente que deixe a demagoxia e empece a solucionar os problemas que ten na súa propia casa», apostillou Fervenza.

«A RPT é unha ferramenta obligatoria, en base á lexislación vixente, que ten como finalidade definir a estrutura de prazas e postos dunha organización para lograr unha xestión óptima dos empregados públicos. Cando unha corporación non ten unha Relación de Postos de Traballo ben definida ou estruturada pode atoparse con problemas de transparencia e prácticas indebidas na organización de postos e prazas», finaliza.

Comentarios