sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

Punto e final a un mandato atípico

Tan só oito dos 17 concelleiros de Sanxenxo continuarán durante o mandato que está a piques de comezar. GONZALO GARCÍA
Tan só oito dos 17 concelleiros de Sanxenxo continuarán durante o mandato que está a piques de comezar. GONZALO GARCÍA

A décima Corporación sanxenxina finaliza unha etapa marcada polos cambios no Goberno municipal e na que se pasou do cuatripartito inicial ao bipartito entre Partido Popular e SAL

A décima Corporación desde o inicio da democracia viviu este mércores un epílogo do máis tranquilo e sosegado; pouco que ver cos cambios de rumbo e sorpresas que depararon estes últimos catro anos. Nunha sesión plenaria convocada de xeito extraordinario para aprobar varias actas, os nove concelleiros que finalizan a súa traxectoria en política tiveron a ocasión de despedirse dos seus compañeiros e de desexar sorte ás persoas que se estrean neste eido, entre as que se inclúen catro edís do Partido Popular (Daniel Arosa, Flavia Besada, Óscar Vilar e Paula Martínez) , tres do PSOE (Ainhoa Fervenza, Marta Caneda e Fernando Otero) e unha do BNG (Andrea Ucha).

Silvia Freire, Rafael Domínguez, Alfonso Rea, Gonzalo Pita, Daniel Fernández, David Otero, Maxi González, Roberto Carlos Agís e Coral González-Haba tomaron a palabra para realizar as súas últimas intervencións no salón de Plenos. Foi, probablemente, a exedil socialista e agora non adscrita quen mellor definiu este último mandato, ao tildalo de "atípico". Ademais, González-Haba foi a única que non dubidou en lanzar un dardo aos concelleiros de SAL por pactar co PP en 2017 e poñer fin ao tripartito. "Traicionaron las expectativas de un Gobierno alternativo", sinalou. Este foi o único ataque en clave política que se vivíu o mércores, nunha sesión na que os protagonistas coincidiron á hora de mostrarse "orgullosos" e "emocionados". Ademais, tal e como sinalou a popular Silvia Freire, "a política é un feito circunstancial, o que realmente conta é a experiencia que un se leva grazas a formar parte da Corporación". Tamén houbo unanimidade á hora de romper unha lanza en favor do persoal do Concello. "As Corporacións van e veñen, pero os empregados son o auténtico alma mater da Administración local", asegurou Gonzalo Pita.

Unha das despedidas máis salientables é a de David Otero, o concelleiro que acumula máis anos na Corporación, xunto á popular Paz Lago e a Telmo Martín. O voceiro nacionalista ten claro que "facer política hoxe en día é máis difícil que en tempos pasados; agora a xente é máis esixente e por iso existe tanta diversidade neste ámbito". Otero admitu que "aquí aprendín moito, coas discrepanzas e o respecto que merecen este posto".

Tamén houbo quen aproveitou as súas últimas palabras como concelleiros para salientar o traballo feito nestes catro anos. Foi o caso de Daniel Fernández, que lembrou que "os diferentes Gobernos que houbo serviron para sacar cara adiante proxectos moi importantes", unha opinión compartida polo seu compañeiro Gonzalo Pita. "O mandato quizais foi algo convulso, pero positivo. Eu marcho coa sensación de que fun útil para os veciños. As decisións que se tomaron foron sempre pensando no mellor para Sanxenxo".

Punto e final a un mandato atípico
Comentarios