"Queremos que este pesadelo remate canto antes e volver á vida normal"

O pai da moza de Sanxenxo que sufriu ameazas por parte do seu exmozo agradeceu o labor da Garda Civil
El joven declaró este viernes en Cambados durante unas siete horas. DP ARCHIVO
photo_camera El joven declaró este viernes en Cambados durante unas siete horas. DP ARCHIVO

Unha semana despois de que o Xulgado de Violencia de Xénero número 3 de Cambados volvese dictar unha orde de protección para a moza de Sanxenxo que denunciou ao seu exmozo ata nunha vintena de ocasións por continuas ameazas anónimas e un intento de atropelo, entre outros sucesos, a familia continúa pendente dunha nova citación prevista para a vindeira semana. Confían nela para continuar avanzando nun proceso que se prevé que se alongue "un ano ou dous", mentres se analizan todas as probas, testemuños e documentos recabados.

"Queremos que este pesadelo remate canto antes e volver á vida normal, á tranquilidade que tiñamos antes". Así se pronunciou este xoves en declaracións a este medio o pai da vítima, unha moza de 20 anos.

Precisamente, o home quixo facer un novo chamamento á Xustiza para que "isto non se esqueza" e continuar avanzando no procedemento, sobre o que aínda están pendentes de dictarse posibles novas medidas.

Cabe lembrar que, ao inicio do caso, o pasado mes de febreiro, unha primeira orde de afastamento e comunicación interposta fora retirada pola Audiencia Provincial de Pontevedra. Precisamente, sobre a nova orde, que obriga ao acosador a permanecer a unha distancia de 500 metros e a non comunicarse coa vítima, cabe recurso.

OPERATIVO POLICIAL. Tras superar a primeira etapa do procedemento, o pai da vítima quixo destacar o labor do equipo da Garda Civil de Sanxenxo e agradecer "o comportamento e actuación de todos os efectivos que se puxeron á nosa disposición, e que deron o cincocentos por cen para sacar isto adiante".

Segundo el, "sen o seu traballo e toda a axuda que nos brindaron non poderiamos chegar ata aquí", motivo polo cal quixo expresar o "agradecemento de toda a familia", pola actuación nun caso que se fixo mediático ante a singularidade da retirada da primeira orde de protección e que, meses depois, finalmente chegaría ao Xulgado de Violencia de Xénero correspondente.