Rosa Quintana enxalza o labor da cofradía da Illa na comercialización do marisco

As obras de illamento da lonxa do Xufre foron realizadas pola OPP-20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización que conta co apoio financeiro da Administración autonómica ▶ Esta actuación ten como fin avanzar nas condicións de estabulación e preservar a calidade do marisco e desenvolveuse en dúas anualidades por un valor total de máis de 68.800 euros
Rosa Quintana no seu encontra na lonxa do Xufre. XUNTA
photo_camera Rosa Quintana no seu encontra na lonxa do Xufre. XUNTA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa do Xufre na Illa de Arousa onde coñeceu as obras de illamento térmico realizadas neste edificio realizadas pola Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20), que ten base neste municipio e que rexenta a lonxa. Alí puxo en valor o labor que realiza esta entidade e a confraría a prol da mellora das condicións da comercialización do marisco.

A actuación de illamento foi realizada pola OPP-20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización que conta co apoio financeiro da Administración autonómica, consistiu na colocación de paneis de material illante nos laterais e no teito do edificio da lonxa. A finalidade desta obra é mellorar as condicións da estabulación do marisco, preservar a súa calidade e favorecer a súa comercialización e desenvolveuse en dúas anualidades por un valor total de máis de 68.800 euros. Deste xeito, subliñou a conselleira, a OPP da Illa mellora as condicións de comercialización dos produtos do mar e faino dun xeito responsable, sostible e competitivo.

Ademais, Rosa Quintana lembrou que a Xunta investiu este ano 1,75 millóns de euros para os plans aprobados e executados polas organizacións de produtores pesqueiros e da acuicultura en 2021, uns apoios que están cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Nas distintas convocatorias de axuda enmarcadas no período do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a Consellería do Mar aprobou á OPP-20 un total de máis de 815.000 euros en axudas. A través destes apoios, as OPP poden afrontar gastos como os de persoal, material, equipamentos ou desprazamentos derivados da preparación e aplicación dos plans, que inclúen aspectos como o programa de produción para as especies capturadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás exixencias do mercado e medidas preventivas especiais para as especies con dificultades de comercialización.

A OPP-20

A Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20) ten base na Illa de Arousa, constituíuse en 1986 e conta na actualidade con máis de 550 socios. Está dedicada ao marisqueo a pé e desde embarcación e rexenta a lonxa da Illa de Arousa, situada no porto do Xufre. A súa presidenta é Inmaculada Rodríguez. 

Comentarios