viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Ramiro Deza despídese da súa perruquería

Ringo Deza e Ramiro Deza, no local da Rúa de Madrid. GONZALO GARCÍA
Ringo Deza e Ramiro Deza, no local da Rúa de Madrid. GONZALO GARCÍA
O célebre perruqueiro sanxenxino xubílase tras 55 anos de oficio nunha saga familiar que agora continúan o seu fillo Ringo e o seu sobriño José Manuel. Deza levou a innovación do sector dende as grandes cidades a Sanxenxo e Portonovo, e chegou a cortarlles o pelo a "presidentes e actores"

Ramiro Deza foi unha revolución. A finais dos anos 70 trouxo a Sanxenxo as últimas innovacións en materia de perruquería e estética, como o microvisor capilar que, tal e como explica, "daquela axudou a moita xente, que viña dende moitos lugares para tratarse". As análises capilares e a oferta de tratamentos de estética foron outros dos seus aportes pioneiros, que supuxeron un antes e un despois na vila. Todo isto aprendeuno "fóra". A súa incansable ansia por buscar novos coñecementos e innovar fíxoo saír de Sanxenxo aos 18 anos rumbo a Madrid. Alí formouse con grandes personalidades do sector e, tal e como explica, incluso pasou a mili "de perruqueiro". "Cando vin que non podía aprender máis volvín a Sanxenxo, e logo fun a Barcelona", conta. Deza levou todo o coñecemento acumulado ao longo dos anos nas grandes cidades para a súa vila natal e, aos 24 anos, fundou Peluquería Deza en Sanxenxo.

Pero a súa é unha saga familiar, e a decisión de converterse en perruqueiro, un oficio que tantas ledicias lle daría ao longo de 55 anos, tomárona por el. De familia mariñeira, o pai coñecera en primeira persoa os perigos do mar. "Non quixo que nós andivesemos ao mar, e meteu a meu irmán Pepe a aprender de perruqueiro. Eu empecei despois, aos meus 10 anos, para axudar na casa, porque eramos unha familia humilde", di. Pepe quedou traballando en Portonovo, na Peluquería Deza da vila mariñeira e, para Ramiro, "saír ao mundo" foi algo do que nunca se arrepentiu. "Quería saírme do típico, ver mundo e coñecer xente, nesta zona sempre se traballaba co mesmo, e eu quería innovación", relata. Coa fundación de Peluquería Deza en Sanxenxo, xemelga da de Portonovo, co mesmo nome, veu o éxito. "En Sanxenxo comezamos nun local pequeniño, na mesma Rúa de Madrid", di. E nunca se moveron de alí.

A Peluquería Deza de Sanxenxo foi medrando ao ritmo das novidosas ideas que Ramiro ía dando a coñecer á importante clientela que frecuentaba o local. Pronto quedou pequeno, e tiveron que adquirir máis metros ata chegar aos actuais 200, para poder dar resposta á crecente demanda. "É un local precioso, digno de ver", gábase. Nel comezaron a traballar as súas irmás Rosario e Lola, e abriuse unha sección para muller e outra para home. Había zona de solarium e tratamentos, e unha axenda completa que lle deu unha notable fama que hoxe en día aínda conserva. Sanxenxo nunca vira nada igual. Ramiro Deza chegou a cortarlle o pelo "a actores" e tamén "a presidentes" e políticos da talla de "José Luis López Vázquez, a Mújica na súa época de ministro con Felipe González, e á familia Rajoy".

XUBILACIÓN. Había xa varios anos que Ramiro Deza se fixera cargo da perruquería de Portonovo, en relevo do seu irmán Pepe. Alí afianzou tamén unha clientela que agora, coa súa xubilación, que se fixo efectiva no mes de outubro, seguirá quedando en mans doutro Deza. "Vaise facer cargo dela o meu sobriño, José Manuel, e na de Sanxenxo queda o meu fillo Ringo, que xa a estaba levando", explica. Neste sentido, a profesionalidade e prestixio de Peluquerías Deza continúa quedando nas mans da familia, á que o fundador lle trasmitiu "todo o coñecemento".

Por moito que a Ramiro lle gustaría que, algún día, os netos continúen a saga familiar, que xa cumpriu dúas xeracións, ten moi claro que "se poden estudar, que o fagan tamén. Hoxe en día a perruquería está moi masificada, non é o de antes, aínda que podería darlles moitas ledicias se lles gusta o oficio", di. E a experiencia fala por si soa. "A min esta vila deume todo. A xente foi a que me fixo grande como humano. Creo que son o tipo máis rico de Portonovo sen ter un peso, pero síntome millonario por ser quen son e poder deixar este legado. Teño tres fillos e puideron estudar grazas a isto, os clientes déronme todo", di, emocionado. Deza despídese, botando de menos, por momentos, a vida de perruqueiro, pero a saga continúa.

Ramiro Deza despídese da súa perruquería
Comentarios
ç