Ravella inviste 21.000 euros para a renovación da rúa Concepción Arenal

Os traballos consistiron na renovación da capa de rodadura e o posterior pintado e sinalización viaria ▶ A actuación está incluída no plan da mellora da rede viaria municipal
Resultado das obras levadas a cabo na rúa Concepción Arenal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Resultado das obras levadas a cabo na rúa Concepción Arenal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de concluír a obra de mellora na rúa Concepción Arenal, cuxos traballos de renovación da capara de rodadura completáronse hai xa uns días co pintado final da sinalización viaria. A administración local investiu nesta actuación de mellora da mobilidade 21.422 euros.

A obra estaba xustificada polo mal estado no que se atopaba o firme da rúa que, debido ao paso do tempo, se atopaba moi deteriorado e presentaba numerosos desniveis e fochancas. Esta situación dificultaba o tránsito e propiciaba a creación de pozas cando chovía, coas conseguintes molestias para o tráfico rodado e tamén para os peóns.

Para solucionar esta problemática de forma duradeira decidiuse realizar unha actuación integral. Os traballos executados por Marconsa consistiron no fresado dos tramos do firme nos que era preciso actuar para manter o nivel da rúa. Posteriormente realizouse un varrido mecánico en toda a superficie da vía e a continuación procedeuse a botar unha nova capa de rodadura. Por último, eleváronse as tapas de rexistro dos distintos servizos para deixalas a nivel e pintáronse de novo as marcas de sinalización horizontal (vaos, pasos de peóns, liñas de aparcamentos…). O pintado levouse a cabo días despois de rematada a renovación do pavimento debido a que houbo que esperar a que parase de chover.

Esta actuación súmase ás últimas levadas a cabo na Praza Doutor Carús e a mellora do pavimento da praciña situada tras o centro social do Ramal.

Comentarios