A Red Ciudades que Caminan premia o modelo Vilagarcía

O xurado cualificou de "brillante" a humanización da rúa Arcebispo Lago. O Concello gañou para o uso peonil 1.784 metros cadrados
Rúa Arcebispo Lago. DP
photo_camera Rúa Arcebispo Lago. DP

O Concello de Vilagarcía suma un novo recoñecemento ao modelo de cidade sostible e ás políticas de mobilidade que se están desenvolvendo nos últimos anos no municipio. O último, o que vén de conceder a Red de Ciudades que Caminan polo proxecto de humanización da rúa Arcebispo Lago na categoría de cidades mediadas. O xurado cualificou a actuación de "brillante", destacando a "visión estratéxica do Concello á hora de seleccionar este enclave para o desenvolvemento dunha actuación de transformación exemplar" e coa que se crean novos espazos de calidade para os peóns e o fomento da convivencia. Vilagarcía é unha das cinco cidades premiadas na décima edición dos galardóns que concede anualmente a Red de Ciudades que Caminan xunto con Pamplona, Barcelona, Miajadas e Braga, cada unha nas súas respectivas categorías. Segundo apuntan dende a organización, o fallo da edición desde ano supuxo unha dura pugna entre aspirantes, máis en concreto no apartado de cidades grandes, onde por vez primeira empataron dúas das candidaturas presentadas.

A proposta de Vilagarcía presentouse baixo o título de O recordo do mar, motivo que inspirou o deseño encargado polo Concello ao arquitecto Mariano Vázquez para suxerir o recordo das marismas existentes outrora no espazo que hoxe ocupa a rúa Arcebispo Lago. Coa actuación "extremadamente coidada e inspiradora", en palabras do xurado, "a típica rúa-garaxe transfórmase nun espazo de convivencia no que a auga toma un papel protagonista". Outro dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder o premio foi a capacidade da actuación para crear cidade: "Sen dúbida esta rúa se converterase nun referente para outros barrios e, quizás, para outros municipio".

O xurado, composto polo arquitecto Jesús Fole, o enxeñeiro urbanista José Luis Díaz Cañavate e a xefa de Rexeneración de Espacio Urbano del Ayuntamiento de Madrid, Ana Rosa Llorente, non se limitaron a avaliar a actuación, senón que tamén apuntaron os efectos positivos que a obra pode ter a curto e medio prazo como dinamizador da economía da contorna. "Será moi interesante ver como evolucionan os seus indicadores socioeconómicos e comprobar a súa capacidade para contaxiar ao resto da cidade", expoñen.

A humanización de Arcebispo Lago transformou a fisionomía dunha das principais arterias do centro urbano, a que une a Praza de Galicia coa Rúa Alexandre Bóveda, na zona da Praza de Abastos. A intervención sobre os 2.400 metros cadrados que formaban a rúa pola que transitaban os vehículos, permitiu gañar para o uso peonil 1.784 metros cadrados de superficie e habilitar unha gran zona de esparexemento na que destacan as zonas verdes e, especialmente, as fontes e espazos con auga. A obra precisou dun investimento de 600.000 euros que se financiaron con cargo ao programa ‘Vilagarcía Avanza’ e ao Plan Ágora da Deputación, ámbolos dous financiados con fondos europeos, e tamén cunha parte procedente do Plan Concellos.

Este é o segundo premio da Red Ciudades que Caminan que recibe o Concello de Vilagarcía. O ano pasado obtivo outra mención polo conxunto das melloras realizadas no municipio nos últimos anos en materia de mobilidade peonil. O palmarés referente ao modelo de cidade de Vilagarcía inclúe o galardón recentemente concedido pola Rede de Cidades Saudables da FEMP polos Camiños Escolares Seguros, así como o recoñecemento dos Premios Bikefriendly 2023 da Red de Ciudades por la Bicicleta na categoría de Educación e Promoción.

Comentarios