"As redes tamén poden ser un espazo onde mostrar a nosa parte humana e facernos cargo dela"

Natural de Dorrón e residente en Portonovo, comezou a divulgar os seus coñecementos de psicoloxía hai catro meses a través de Instagram e na actualidade suma máis de 20.000 seguidores na rede social, cun público que reclama consultas non só en Sanxenxo, senon dende diferentes puntos do Estado
Marta M. Novoa vén de acadar o 20.000 seguidores en Instagram.CEDIDA
photo_camera Marta M. Novoa vén de acadar o 20.000 seguidores en Instagram.CEDIDA

AÍNDA que o seu gran hobby é a música, e en particular o canto, graduouse en psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e cursou o Máster de Psicología General Sanitaria na Complutense de Madrid. Logo de adquirir experiencia en hospitais psiquiátricos e nunha clínica madrileña, Marta Martínez Novoa, de 27 anos e especializada en ansiedades, loitos ou trastornos obsesivos en adultos, decidiu volver a Sanxenxo, o seu concello natal, para compaxinar o seu traballo como autónoma no Centro Médico Sanxenxo e na clínica Neuredia coas consultas ‘online’. Para promocionarse, abriu unha conta en Instagram (@martamnovoapsico), e a acollida foi "abrumadora".

Vén de celebrar os 20.000 seguidores en Instagram só catro meses despois de abrir a conta. Como comeza esta aventura?

A raíz de decidir volver a Galicia tiven que buscar opcións para mostrar o meu traballo. Abrín a conta de Instagram o 10 de outubro de 2020, o Día da Saúde Mental, coa intención de publicar contidos sobre psicoloxía, porque me gusta moito ler e escribir sobre o tema. Probei para darme a coñecer aquí, a ver se alguén se animaba a iniciar terapia. Sen ter nocións de marketing dixital e neste curto periodo de tempo, comecei a ver que á xente lle gustaban e compartían os meus ‘post’, aínda que a miña intención nunca fora chegar a tanto, non o podía nin imaxinar sequera.

Houbo algún punto de inflexión?

A primeira semana xa tiña 1.000 seguidores. Cando anunciei que volvía, os coñecidos comezaron a compartilo e comezoume a seguir a xente, pero sempre houbo unha tendencia constante.

Diría que as redes poden ser tamén unha canle para expresarse con honestidade ou nas que buscar comprensión? Era a súa intención mudar a tónica xeral?

Totalmente. Aínda que nun primeiro momento non tiña a idea de divulgar, vinme moi cómoda facéndoo. E hoxe en día o meu principal obxectivo é demostrar que ser vulnerable non é algo malo, todos o somos e temos as nosas luces e as nosas sombras. De feito, hai pouco contei en Instagram que eu tamén vou ao psicólogo, e que necesito terapia. Polo feito de ser psicóloga non estou por encima do ben e do mal, son unha persoa. As redes poden ter unha imaxe de frivolidade moitas veces, mostrando os luxos, os corpos perfectos e as vidas perfectas, pero tamén hai que mostrar a nosa parte humana e facernos cargo dela. Todos imos no mesmo barco e precisamos axuda.

Precisamente, en Instagram triunfan as ilustracións que fai con pautas e consellos. Por que elixiu este sistema e en que se inspira á hora de elaborar os deseños?

Podo asegurar que o meu sistema é ensaio-erro e que me guío polo que me gusta a min estéticamente. Gustábame moito como transmitían algúns profesionais en versión blog, pero como non tiña intención de abrir unha web, adaptei esas inspiracións ao meu xeito de facer terapia e aos coñecementos que teño en versión ‘post’, xa que agora mesmo todos estamos nas redes, sobre todo a xente xoven. Axúdalles bastante ver as ideas de xeito esquemático, de feito ao principio incluso me daban consellos do tipo «fai a letra mais grande, que escribes moito texto» (risas).

A popularidade nas redes xerou tamén emprego fóra das fronteiras de Sanxenxo?

Si, presencialmente teño xente de Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía ou Pontevedra, pero ‘online’ atendo a persoas de todas partes: Madrid, Barcelona, Andalucía, e incluso teño a unha residente en Islandia. A gran parte de pacientes que teño agora mesmo coñeceume polas redes. A xente busca, sobre todo, cercanía e humanidade.

Que tipo de publicacións gustan máis nas redes sociais?

O que máis chama a atención é todo o relacionado cos temas de parella ou de amizade. Os meus ‘post’ sobre a responsabilidade afectiva, que falan de facernos cargo sobre os vínculos, e que as nosas accións xeran unha repercusión na outra persoa, tiveron moito alcance.

Cal é a carencia que máis está notando actualmente na sociedade?

Todo o referente á xestión emocional. Moitas veces non sabemos poñerlles nome ás emocións que sentimos, nin o que as nosas accións lle están xerando a outra persoa. Polo xeral non é algo que se nos ensine de pequenos, e neste sentido hai que ter conciencia de que é importantísimo para a vida en todos os ámbitos. Debemos querer informarnos e ir a terapia, que ás veces non é facil, pero é o lugar onde aprender estas cousas que non nos ensinaron.

Comentarios