Rematan o reasfaltado que mantiña cortado un tramo da Autovía do Salnés

Trátase dunha obra de acondicionamento por parte da concesionaria, toda vez que se cumpre a metade do contrato
Un ramal da autovía, na pasada Semana Santa. RAFA FARIÑA
photo_camera Un ramal da autovía, na pasada Semana Santa. RAFA FARIÑA

A circulación na autovía do Salnés á altura de Barro quedou restablecida na tarde do venres, logo de terse rematados os traballos do novo firme que se estaban a realizar no treito entre Meis e Curro, que se executaron durante as xornadas do xoves e do venres.

Para continuar cos traballos do firme da autovía, que foron retomados a comezos da semana que agora se pecha, foi necesario facer un corte da calzada esquerda da autovía os pasados xoves e venres, entre o enlace de Ribadumia e o enlace de Curro, desviándose o tráfico a través das estradas locais VG-4.2, EP-9305 e PO-300. O venres á tarde quedou establecida de novo a circulación habitual da autovía AG-41 tras cumprise a previsión de finalización das tarefas de estendido de firme á última hora do venres.

Conforme ao programa de obra previsto, nas vindeiras semanas realizaranse cortes puntuais para a recolocación das xuntas de dilatación dos viadutos afectados polo estendido do firme que se acaba de executar. E posteriormente, na última semana de xuño está previsto proceder á realización do pintado definitivo de marcas viarias en toda a autovía. Con esta intervención complétase a renovación de firme iniciada no pasado verán, que tivo que ser interrompida no inverno por mor das condicións meteorolóxicas adversas, que impedían unha boa execución dos traballos e eran susceptibles de condicionar o resultado final da actuación.

As obras enmárcanse no acondicionamento do pavimento de toda a autovía do Salnés e dos seus ramais que esstá obrigada a realizar a empresa concesionaria, coincidindo coa metade do período de concesión da mesma.

Comentarios