Rexeneración da Carabuxeira: aportes de area ata 2025, á espera do espigón

Xunto á praia de Lavapanos, agarda a tramitación da fase definitiva ► Un informe do Ministerio de Transición Ecolóxica vencella a posible construción dun paseo á cesión ou expropiación de terreos veciñais
Estado actual do árido da praia de A Carabuxeira. CEDIDA
photo_camera Estado actual do árido da praia de A Carabuxeira. CEDIDAS

As praias de A Carabuxeira e Lavapanos agardan a tramitación da fase definitiva en canto aos traballos de rexeneración que comezaron o ano pasado co aporte de 10.000 metros cúbicos de area dentro da fase provisional, no que se presenta como un momento chave para garantir o éxito do proxecto de recuperación de ambos areais, cuxos traballos de aporte de area deixaban singulares estampas na costa sanxenxina o pasado verán. Agora, mentres o punto máis relevante do proxecto, como é a construción do espigón rampa que evitará definitivamente a perda de area faise agardar, todo indica que ambas praias terán que recibir aportes de árido periódicos durante os vindeiros anos, ata o 2025.

A situación de A Carabuxeira e Lavapanos abordouse durante unha reunión do grupo de traballo formada por Portos de Galicia, o Servizo Provincial de Costas e a empresa pública sanxenxina Nauta. O encontro tratou o punto actual no que se atopa a tramitación da fase definitiva para a recuperación dos areais xunto aos posibles aportes de area periódicos, que se levarían a cabo previa autorización, dentro dos traballos de mantemento da rexeneración, segundo sinalaron dende o Goberno local.

Estado actual do árido da praia de Lavapanos. CEDIDA
Estado actual do árido da praia de Lavapanos. CEDIDA

Durante o encontro acordouse tamén solicitar a visita dos responsables da Dirección Xeral da Costa e o Mar a Sanxenxo para que coñezan sobre o terreo o resultado da fase provisional e o ámbito de actuación do proxecto definitivo, tras abordar o informe emitido por este ente no que respecta ao procedemento de evaluación do impacto ambiental do nomeado Proxecto de rexeneración da praia de A Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso.

Dito informe, emitido por este organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica en decembro de 2021, valora e analiza a nivel administrativo as actuacións prantexadas no proxecto. O documento, que dende o Goberno local valoraron como "un paso importante para corregir definitivamente la pérdida de arena de estos dos arenales", inclúe unha valoración sobre o paseo marítimo previsto na súa contorna, que soamente podería executarse nos seis metros de servidume de tránsito, segundo o artigo 27 da Lei de Costas de 1988, que di que dita servidume debe afastarse permanentemente para o paso público peonil e de vehículos de vixiancia e salvamento, e especifica no seu punto 27.3 que esta zona poderá ser ocupada para executar paseos marítimos. Non obstante, no caso das praias de A Carabuxeira e Lavapanos, esta circunstancia non se cumpre debido á existencia de edificacións e cerramentos que ocupan estes seis metros de servidume de tránsito, tal e como indica o informe. Neste sentido, segundo explicaron dende o Goberno local, "si se decide hacer un paseo fijo, tendrá que ser mediante cesiones voluntarias o expropiaciones".

O informe contempla tamén a construción do espigón rampa perpendicular á praia, que unirá as rochas existentes, con case 100 metros de longo e 2,34 metros de ancho, co que se evitaría a perda de area de xeito definitivo, así como a aportación de 17.000 metros cúbicos de area procedentes do entorno das praias, 14.000 metros cúbicos para a praia de A Carabuxeira que se suman aos 10.000 metros cúbicos que xa foron depositados en maio de 2021 dragados dende o fondo mariño, e 3.000 metros cúbicos máis para Lavapanos.

CRONOLOXÍA. Durante os últimos anos nos que se traballou de xeito activo pola rexeneración dos areais, concretamente dende 2018, houbo varios pasos chave para o desenvolvemento da actuación. En primeiro lugar, a redacción do Proxecto de rexeneración da praia de A Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso, seguida da análise do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas da evolución das praias e as medidas para mellorar o seu estado.

Posteriormente, a mediados de 2018, comezou o trámite de avaliación do impacto ambiental do proxecto prantexado a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia e, finalmente, "consciente de los plazos administrativos necesarios para tramitar el proyecto definitivo y dado el riesgo existente para las edificaciones situadas en el frente de playa", o Concello de Sanxenxo presentou un proxecto provisional que recibiu a autorización de Costas e que supuxo a aportación dos primeiros 10.000 metros cúbicos de area en maio de 2021. A boa marcha das tramitacións para a fase definitiva serán determinantes para o resultado dun proxecto que aínda se dilatará no tempo. "Hay que ser consciente de que la regeneración de una playa requiere una larga tramitación que, entre otros trámites, incluye una evaluación ambiental y la solicitud ante el Servicio Provincial de Costas de los títulos de ocupación necesarios para realizar las tres actuaciones previstas", manifestaron dende o Goberno local en referencia ao espigón, o seguinte aporte de area e a construción do paseo marítimo.

Comentarios