A rodaxe sobre a tradición telleira en Vilalonga, desde dentro: "O traballo das persoas é o gran eixo, o fundamental"

O director do documental sobre a tradición telleira na parroquia, Xan Leira, prevé entrevistar a unha vintena de persoas e grabar no complexo Umia-O Grove para estrear antes de rematar o ano ▶ Recuperarase a historia do naufraxio dun galeón do barro no que morreron 23 persoas que ían marisquear, silenciado en 1940
O director, Xan Leira, no primeiro día da rodaxe. RAFA FARIÑA
photo_camera O director, Xan Leira, no primeiro día da rodaxe. RAFA FARIÑA

Polo momento, o seu nome técnico é A tradición telleira e cerámica de Vilalonga pero ao seu director, Xan Leira (Bos Aires, 1955), non lle cabe dúbida de que "seguramente o cambiarei para facer unha cousa máis rica". No documental, que comezou a rodarse o luns en Vilalonga, tal e como explica o seu director, "o traballo das persoas é o gran eixo, o fundamental", e tamén cobrará especial importancia unha paisaxe mudada como consecuencia da actividade da extracción do barro, que "modificou a contorna natural".

Área na que se levará a cabo a grabación do documental. DS
Área na que se levará a cabo a grabación do documental. DP

Para Leira, "as industrias extractivas destrúen e constrúen o territorio. Hoxe hai lagoas nas que agroman microfaunas específicas derivadas desa actividade". Por este motivo, "amosar o patrimonio paisaxístico da contorna da parroquia de Vilalonga (Sanxenxo) é outro dos grandes retos dos que serán varios meses de rodaxe, co obxectivo de estrear o documental "antes de que finalice o ano".

Precisamente, a historia sobre o traballo do barro enmárcase no Complexo Intermareal Umia-O Grove, que pertence á listaxe de humidais de Importancia Internacional (RAMSAR), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Espazo Natural en réxime de Protección Xeral. Unha decena de fornos de telleiras da enseada do Umia, como é o caso da fábrica La Arosana, musealizada xunto á telleira de Blanco en Vilalonga, ou a ensenada de Dena formarán parte da paisaxe que incluirá o documental que, ao mesmo tempo, recuperará fitos como a documentación no Catastro de Ensenada (s. XVIII), por primeira vez, de tres telleiras na comarca do Salnés, como foron os fornos telleiros de Vilalonga e Noalla, mentres que en 1917 comezou a funcionar en Vilalonga a telleira de Blanco.

A enseada de Dena, unha das zonas chave da extracción do barro. DS
A enseada de Dena, unha das zonas chave da extracción do barro. DP

Actualmente, a actividade industrial ligada ao barro ten continuidade na empresa Nueva Cerámica Campo (Vilalonga), que exporta a varios países do mundo, e cuxo salón de actos, precisamente, foi o escenario da grabación das primeiras entrevistas.

UNHA TRAXEDIA NO MAR. Aínda que non será o motivo principal do documental, cobrará especial importancia o afundimento dun galeón no que pereceron 23 persoas adicadas á actividade marítima, cando se dirixían cara O Grove a marisquear, segundo a documentación achegada á rodaxe, un 26 de febreiro de 1940, en Punta Congro. Tal e como lembraron dende Codesevi, entidade local implicada no apoio á rodaxe, "aproveitaron aquel día no que o barco non ía ao barro para marisquear, o que se chamaba caldeirada, coa mala sorte do naufraxio, no que morreron tamén nenos de entre oito e 11 anos que acompañaban ás nais e outros que ían traballar. Era 1940 en plena ditadura e silenciouse aquilo, nas casas non se falaba. Agora é importante lembrar a aqueles que fixeron o pobo", sinalou Carlos García Padín.

Galeón extractor de barro. DS
Galeón extractor de barro. DP

Neste sentido, Leira pretende retomar a rodaxe o vindeiro mes de setembro, e chegar a entrevistar a unha vintena de persoas, a maiores das sete entrevistas que xa se realizaron o luns en Cerámica Campo: "quedan poucas testemuñas directas que traballaran no barro e foran testemuñas do afundimento, pero atopámolas".