Rueda destaca Sanxenxo como "un exemplo de medidas" nas praias

O vicepresidente da Xunta en funcións visitou este xoves Silgar en compañía do alcalde, Telmo Martín, onde puxeron en relevancia a labor dos informadores nas praias nos últimos meses
2020082814152499265
photo_camera Alfonso Rueda e Telmo Martín, acompañados de membros do Goberno local, valoraron as medidas de prevención nas praias de Sanxenxo. G. GARCÍA

O vicepresidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, visitou onte as medidas anti Covid-19 da praia de Silgar, na compañía do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. Rueda puido comprobar in situ, a pesar da nubosidade da xornada, o funcionamento das parcelas de separación, e tivo a oportunidade de charlar cos informadores, aos que lles agradeceu "a súa labor, xa que estiveron facendo este traballo por primeira vez, e que serviu para que dentro desta nova normalidade as praias se poidan utilizar cumprindo as normas". Rueda destacou Sanxenxo como "un exemplo a nivel de medidas, que se tomaron, ademais, con antelación, para poder gozar dun dos grandes atractivos deste concello, cando no mes de maio incluso había dúbidas sobre qué ía pasar coas praias, e afortunadamente as cousas planificáronse ben".

As medidas postas en marcha na praia de Silgar leváronse a cabo ao abeiro do plan de apoio da Xunta aos concellos para implantar medidas de prevención nos areais. En Sanxenxo a Xunta destinou 50.000 euros que se investiron en contratación de persoal, limpeza e sinalización, tal e como explicou Rueda. O vicepresidente en funcións recoñeceu que "o maior esforzo fixérono os concellos e as persoas que traballaron este verán", que en Sanxenxo se traduce en 35 informadores.

Telmo Martín explicou que "foron momentos moi difíciles, no mes de maio e abril estabamos todos moi preocupados polo que podía vir. Naquel momento dicíase que non ía haber turismo, hoteis nin praias, e Sanxenxo acaba de demostrar que si, e no mes de xullo foi líder no norte de España en pernoctacións". O alcalde destacou tamén os datos de consumo de auga de principios de verán que, "en xullo foi dun millón de litros máis que no mesmo mes do ano anterior, o que significa que moitas persoas estiveron pasando aquí un periodo de descanso". Sobre os contaxios no municipio, Martín, que tamén pediu "apoio para os concellos dende a Administración central, que puxo cero euros", asegurou que "houbo casos illados como en todos lados, pero nestes momentos non é para estar moi preocupados".

INCIDENCIAS. Os propios informadores de Silgar aseguraron que o momento máis difícil foi "ao principio, cando a xente se mostraba contradictoria co uso das mascarillas e distancias, tendo que dar aviso ás autoridades".

Comentarios